Pide unha nova CIAF

Bruxelas quer que se faga unha nova investigación técnica sobre Angrois

Imaxe da retirada do comboio [O.RODIL]

Aliás, deixa a porta aberta a un posíbel proceso sancionador polo incumprimento da Directiva sobre seguridade ferroviaria que obriga os Estados membros a garantir comisións independentes. 

O informe elaborado pola Axencia de Seguridade Ferroviaria europea supón un bon tirón de orellas para o goberno español e, no concreto, para o Ministerio de Fomento

Para alén de cuestionar a composición da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) pon en cuestión que garantise a súa obrigada independencia á hora de pesquisar o acontecido na curva da Grandeira o 24 de xullo de 2013.

Neste senso, a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, asegura, en declaracións a Sermos Galiza, que a axencia "deixa a porta aberta a iniciar un proceso sancionador" contra o Estado español por incumprir a Directiva 2004/49 sobre Seguridade Ferroviaria. Cuestión sobre a que traballará nos vindeiros meses, avanza. 

A axencia entende que debe reabrirse a CIAF e elaborar un novo informe

Aliás, no propio documento, a axencia entende que debería ser reaberta a comisión de investigación para a elaboración dun outro informe, ora ben, garantindo a independencia do órgao "dada a natureza moi seria do accidente". 

Para a voceira do Bloque, as conclusións europeas son "demoledoras" e "están a darnos a razón" en todas aquelas cuestións que veñen sendo denunciadas pola propia organización frontista mais tamén pola Plataforma de vítimas e familiares. 

En nome do colectivo, o seu presidente, Jesús Domínguez, asegurou estaren "emocionados" polo conseguido após tres anos do accidente no que faleceron 81 persoas e máis dun cento resultaron feridas. Ao igual que o BNG, desde a Plataforma exixen a demisión da ministra de Fomento Ana Pastor, e darán traslado do informe íntegro ao seu avogado no proceso xudicial aberto polo sinistro cuxa fase de instrución volveu ser reaberta por orde da Audiencia Provincial da Coruña