Bolaños di que a reforma laboral "non ten por que ser un proxecto de lei"

O ministro Félix Bolaños, no Congreso, nunha imaxe de arquivo (Foto: Marta Fernández / Europa Press).
O ministro de Presidencia cre que, "por sentido común", calquera forza política debería apoiar o texto.

O ministro de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, Félix Bolaños, sinalou esta segunda feira que a aprobación da reforma laboral no Congreso non ten por que tramitarse como proxecto de lei, tal e como defende a ministra de Traballo e impulsora do acordo, Yolanda Díaz.

"A convalidación pódese facer votando a favor do texto e así convalidar a vixencia que a reforma laboral xa ten neste momento", engadiu.

Preguntado sobre o prazo para lograr esa aprobación nas Cortes, que remata o 7 de febreiro, precisou: "Hai tempo". Aliás, apuntou que é de "sentido común" que se aprobe no Congreso "un acordo social coa importancia que ten isto entre o empresariado e os sindicatos".

Tamén se pronunciou nos mesmos termos nos que xa o fixera a ministra Yolanda Díaz días atrás, e advertiu que "votar en contra da reforma laboral terán que explicalo aos seus votantes", porque estarán votando, ao seu xuízo, "a favor de que siga o marco laboral do PP".

A respecto das posíbeis achegas ao texto que os grupos parlamentarios puidesen facer durante os trámites, Bolaños sostivo: "Nós non queremos que esa norma sufra ningunha modificación, porque se trata dun acordo entre empresarios e sindicatos, que ten equilibrios, é o que fai singular esta norma. Non é un proxecto de lei do Goberno, é un proxecto de lei que deriva dun acordo entre empresarios e sindicatos".

Múltiples críticas

Nas últimas horas foron moitas as voces que amosaron un perfil crítico coa proposta de UP e PSOE. Esta segunda feira, BNG, Bildu e ERC avanzaban que formarán unha "fronte común" no Congreso contra este proxecto de lei.

Ao mesmo tempo, os partidos da dereita continúan a valorar a reforma laboral de forma negativa. O deputado do PP Jaime de Olano replicou esta mañá as palabras do ministro de Presidencia: "Bolaños e o Goberno de Sánchez demostran cada día que non cren no Congreso, no labor lexislativo ou na separación de poderes", asegurou.

Mais tamén dentro de Moncloa hai persoas críticas co proxecto estrela de Díaz. "Non é a reforma que faría Unidas Podemos de ser maioría no Goberno e non é todo o que quererían os axentes sociais", apuntaba recentemente a viceportavoz da formación morada, Sofía Castañón.