Altri

O BNG cualifica de "cacicada do PP" a autorización de Augas da Galiza a Altri

O deputado electo Luís Bará, en Compostela, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

Luís Bará avanza que os nacionalistas estudarán “técnica e xuridicamente” o informe para emprender todas as accións precisas para frear “este ataque ambiental”.

O BNG denuncia a “cacicada” e o “atentado ambiental” "perpetrado" pola Xunta da Galiza coa autorización de Augas da Galiza á captación de augas da macrocelulosa de Altri que se deu a coñecer este sábado e que supón para a organización nacionalista “a crónica dunha autorización anunciada”.

Crónica dunha autorización anunciada, explica o portavoz parlamentario de Medio Ambiente, Luís Bará, porque o Executivo de Alfonso Rueda “xa hai tempo que decidiu autorizar a macrocelulosa de Altri” e, advirte, “vai amañar todos os informes para conseguilo, con irregularidades de todo tipo e presións ao persoal da administración”.

“É unha atentado contra o país, contra o territorio, contra o Ulla, a Ulloa e a ría de Arousa pola enorme impacto que vai ter a captación e, sobre todo, o vertido de augas contaminantes no río Ulla, que ten diversas zonas xa protexidas e un estado de afectación ambiental moi importante, sobre todo no encoro de Portodemouros, onde está o punto de captación”, afonda.

O deputado nacionalista advirte que tamén se verán afectadas tanto as necesidades de abastecemento de augas dos concellos, como as actividades económicas de toda a contorna e, por suposto, a ría de Arousa. “Pode ser un golpe de gracia para unha ría que xa sofre un proceso continuado de degradación e que pode afectar a máis de 4.000 familias que viven actualmente da pesca artesanal, do marisqueo e tamén do cultivo do mexillón”, alerta.

Bará subliña que a autorización de Augas de Galiza bate coa actuación de “non autorización” por parte do Goberno de Noruega dunha celulosa polo incumprimento da Directiva Marco da Auga e tamén polos vertidos contaminantes a zonas protexidas dos fiordos da zona de Oslo. “Unha celulosa que ten moitas similitudes con esta planta e con este proxecto de Altri, pero, como vemos, con resultados, contraditorios”, recalca.

“Desde o BNG imos estudar todo o que é o expediente administrativo desta autorización para analizar a partir de aí todas as medidas adoptar no ámbito político e tamén no administrativo para impedir este atentado ambiental, este ataque contra Galiza, esta auténtica cacicada que pretende perpetrar a Xunta do Partido Popular”, avanza.