O BNG volve denunciar a "total opacidade" do goberno de Vigo sobre a tramitación do PXOM e os cambios aplicados

Xabier P. Igrexas, portavoz BNG en Vigo. (Foto: Nós Diario)

O grupo municipal do BNG de Vigo volveu a denunciar esta terza feira a "total opacidade" coa que se está a tramitar o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) da cidade, tras a negativa do Goberno municipal a que compareza o equipo redactor para informar das modificacións aplicadas sobre o documento aprobado inicialmente hai un ano.

En declaracións remitidas aos medios, o portavoz do grupo nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, criticou que, na reunión do Consello da Xerencia de Urbanismo, a concelleira da área, María José Caride, "volveu negarse" a que comparecesen os redactores do PXOM para dar conta do estado de tramitación do documento [cuxa aprobación inicial se produciu nun pleno en decembro de 2023, cos votos favorábeis do PSOE, a abstención do PP e o voto contrario do BNG] e para informar das eventuais modificacións que se incluíron tras a presentación de "miles de alegacións veciñais".

O edil do BNG lembrou que hai centos de veciñas e veciños vivindo con "incerteza" esta tramitación, especialmente aqueles afectados por proxectos como a PO-010 ou a nova A-55, que van a "tronzar" algunhas parroquias da cidade.

Falta de explicacións

Pérez Igrexas lamentou que os membros do Consello da Xerencia de Urbanismo reciben máis información dos medios que dos responsábeis políticos municipais, e afeou a Caride que poña como "escusa" para rexeitar dar explicacións o feito de que quedan informes sectoriais pendentes. Esa circunstancia, engadiu o concelleiro, "non xustifica en ningún caso a falta de transparencia, de información e de explicacións".

Finalmente, o representante do BNG preguntouse "que están a tramar ás agachadas na novo PXOM" os responsábeis do Goberno local e cuestionou "por que non queren que se coñeza en que punto está o novo Plan", antes de insistir en que este novo plan urbanístico "bateu todos os récords de opacidade". "Todo é escuridade para facilitar os poderosos intereses dos de sempre", concluíu Pérez Igrexas.