BNG ve indicios de prevaricación na longa tramitación da lei sobre a estafa das preferentes

A proposición de lei foi foi aprobada o 11 de marzo de 2014 no Parlamento galego e demorou 900 días en ser enviada para o seu debate ao Congreso dos Deputados, denuncia Ana Pontón.

Esta é unha lei votada polo Parlamento galego para a súa tramitación no Congreso dos Deputados, sendo que toca un asunto que é competencia estatal (tal como a recente iniciativa para a transferencia da AP9, bloqueada neste momento polo veto do Goberno de Rajoy).

A demora na tramitación deste texto legal, a ollos do BNG, é moi sospeitosa e por iso o grupo parlamentar nacionalista rexistou un escrito dirixido á Mesa do Parlamento para investigar por vía de urxencia as razóns que explican por que a lei a favor da devolución dos aforros estafados pola banca através das preferentes e subordinadas tardou 32 meses en ser remitida ao Parlamento.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou esta petición de investigación após manter un encontro con representantes das plataformas de persoas atinxidas pola estafa. Con elas non só analisou a demora da tramitación por parte do Parlamento galego, senón o veto interposto polo goberno Rajoy para impedir que agora, unha vez que chegou ao Congreso dos Deputados, poda ser tomada en consideración na cámara estatal.

O veto foi cualificado de “vergoñento” por Pontón, quen salientou que é “o segundo en apenas tres meses a unha lei galega”, un feito que poría de manifesto a “irrelevancia política de Feijóo”.

Sobre a demora na tramitación da lei no Pazo do Hórreo, Pontón falou abertamente de “secuestro” da iniciativa. “Este secuestro é antidemocrático, ilegal e mesmo podería ser constitutivo dun delito de prevaricación”, dixo e deu un dado abondo esclarecedor: “A lei a favor da transferencia da AP9 foi notificada ao Congreso o mesmo día da súa aprobación no Parlamento galego, mais esta lei para acabar coa estafa das preferentes tardou 900 días en ser enviada”, denunciou a líder nacionalista.

As demandas das persoas atinxidas pola estafa das preferentes están moi lonxe de teren sido inteiramente satisfeitas e nese sentido Xesús Domínguez, da Plataforma de Afectados de Compostela, manexa o dado de que na Galiza aínda hai 10.000 vítimas do calote que reclaman a devolución de 100 millóns de euros atrapados nestes produtos financeiros opacos.

Pontón criticou o Goberno Rajoy por lle virar as costas ás vítimas das preferentes e por se gabar, no escrito que o Ministerio de Economía enviou á Mesa do Congreso para xustificar o veto, de lle ter aforrado ao FROB 13.640 millóns de euros nas devolucións ás persoas estafadas.

“Dúas veces estafados, pola banca e polo Goberno de Rajoy”, recapitulou Pontón.

As fotografías son do BNG (a da parte superior) e de Natalia Porca.