O BNG urxe o Goberno español a garantir a continuidade de Alcoa e exixe "transparencia" no acordo coa empresa

Néstor Rego, esta sexta feira nas instalacións de Alcoa na Mariña. (Foto: Nós Diario)

Néstor Rego critica a actitude do Ministerio de Industria que semella buscar unha saída coa empresa “abandonando os traballadores e sen garantir a continuidade da actividade produtiva”.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e representantes da formación nacionalista mantiveron esta sexta feira unha reunión co comité de empresa de Alcoa para abordar a situación da planta de San Cibrao (Cervo, A Mariña). Ante a situación actual, o BNG reclama ao Goberno do Estado transparencia para coñecer de forma pública o Memorando de entendemento asinado coa empresa e desenvolver todas as actuacións necesarias que garantan a continuidade da actividade na planta da Mariña e o mantemento dos postos de traballo.

Rego denuncia a falta de transparencia no Memorando de entendemento asinado entre a empresa, o Goberno español e a Xunta da Galiza. “Non é público e, ademais, non foi dado a coñecer ao comité de empresa, mais polo que se sabe implica non respectar os compromisos alcanzados cos traballadores e traballadoras en relación aos investimentos pendentes, especialmente a construción do forno de ánodos”, asevera o deputado.

Rego critica a actitude do Ministerio de Industria que semella buscar unha saída coa empresa “abandonando os traballadores e sen garantir a continuidade da actividade produtiva”. Alerta, ademais, de que esta situación podería desembocar nunha desindustrialización semellante á xa vivida en Alcoa A Coruña e Alcoa Avilés, co feche definitivo das instalacións.

“O BNG entende que existen solucións viábeis para garantir a subministración de enerxía á planta mentres non se materializan as PPAs (Power Purchase Agreements) previstas”, afirma o deputado nacionalista. De facto, segundo os datos máis recentes sobre a produción eléctrica galega, máis de 40% da enerxía xerada na Galiza é exportada a outras comunidades autónomas, polo que "hai enerxía suficiente dispoñíbel para asegurar a continuidade da actividade".

O BNG, ante esta situación, demanda ao Goberno estatal unha rectificación e exixe un cambio de actitude en favor dos traballadores e traballadoras. “Debe obrigar Alcoa a cumprir cos compromisos adquiridos, garantindo os investimentos necesarios para a viabilidade da fábrica”, subliña Néstor Rego. Neste sentido, o BNG propón ademais que o executivo explore mecanismos de financiamento, como a concesión de créditos reembolsábeis, para asegurar que a empresa realice os investimentos comprometidos.

Así mesmo, a formación nacionalista destaca a necesidade de que calquera acordo inclúa os traballadores e traballadoras das empresas auxiliares, garantindo a protección ao emprego até decembro de 2026, data até a que Alcoa asegura manter o emprego directo.

Sempre hai unha última opción: a intervención pública

Por último, Rego lembrou que, se fose necesario, a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) debe estar preparada para intervir a empresa e asegurar a continuidade da actividade industrial. "Non imos permitir que se repita a situación vivida noutras plantas de Alcoa. O Goberno debe actuar con determinación e poñer por diante os intereses da industria e dos traballadores e traballadoras" conclúe.