O BNG urxe un cambio "necesario e urxente" no modelo ferroviario da Galiza
Néstor Rego defendeu no Congreso unha moción con dez puntos para corrixir a "discriminación histórica" que sofre a Galiza en materia de infraestruturas ferroviarias. O deputado reclamou tamén que o Goberno non recorra en Europa a prórroga da concesión da AP-9.
O BNG defendeu esta terza feira no Congreso unha moción que recolle dez medidas para mellorar de forma urxente o servizo ferroviario na Galiza. O deputado Néstor Rego denunciou que o país leva "décadas sufrindo discriminación e falta de investimentos" e subliñou que a situación actual require acción inmediata "por xustiza e para garantir o benestar das galegas e dos galegos".
Rego respondeu ás emendas presentadas polos distintos grupos: criticou a Vox por negar a realidade nacional galega, reprochou ao PSOE que rexeite recuperar servizos suprimidos coa pandemia da Covid-19 e cuestionou a actitude do PP, a quen acusou de utilizar o debate ferroviario con fins partidistas. "Foron os seus gobernos os que máis prexudicaron a Galiza en materia ferroviaria, con liñas de AVE en vía única ou coa xestión da curva de Angrois", lembrou.
O deputado reclamou, ademais, que se apliquen tarifas bonificadas de proximidade nos traxectos de media distancia comparábeis a servizos de cercanías e que se restitúan todas as paradas eliminadas nos últimos anos, incluída a da Gudiña-Porta da Galiza.
AP-9 "galega e libre de peaxes"
No treito final da súa intervención, Rego referiuse á AP-9, lembrando que esta terza feira remata o prazo para que o Goberno español presente recurso contra a sentenza europea que cuestiona a prórroga da concesión. O nacionalista reclamou que o Executivo non presente ese recurso: "É hora de que a AP-9 sexa galega e libre de peaxes. Non é xusto que sigamos pagando até 2048 por unha prórroga ilegal imposta por PP e PSOE".
Rego concluíu expresando o desexo de que a moción conte co apoio da maioría da Cámara para dar un paso adiante no recoñecemento das necesidades ferroviarias da Galiza. A votación do modelo ferroviario do BNG decorrerá no Congreso esta cuarta feira.