O BNG sairá á rúa o 15 de setembro polos dereitos nacionais da Galiza

A organización frontista convoca unha manifestación e exixe eleccións anticipadas. O portavoz nacional da organización frontista, Xavier Vence, anunciouno na Caeira coincidindo co dia da Galiza Mártir e denunciou que o PP dá hoxe "o mesmo golpe" pola "vía da corrupción sistemática" que noutrora deu de maneira violenta

 

"Os galegos teñen que reaccionar e dicir basta", afirmou de maneira taxativa o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence. A organización frontista convocou este sábado desde a Caeira (Poio) unha "gran mobilización" a prol dos dereitos nacionais da Galiza. A manifestación terá lugar o vindeiro mes de setembro, o día 15.

A organización frontista chama o pobo galego a se sumar "a esta batalla" e "rescatar a democracia"

Segundo Vence, o protesto visa reclamar a soberanía nacional e "dar resposta ao desmantelamento das conquistas sociais e do autogoberno" promovido polo Partido Popular desde a Xunta e Madrid. "O que fan hoxe", afirmou o voceiro nacional do BNG en relación aos gobernos da Xunta e do Estado, "é o mesmo golpe que no seu día deron pola vía violenta". 

Con motivo dos actos de conmemoración do Día da Galiza Mártir, desde o Bloque lanzan un chamamento aopobo galego para se sumaren "a esta batalla" a prol "dos valores da democracia e a soberanía". Neste senso, asegurou Xavier Vence, a manifestación visa clamar por un proceso de "reconstrución dos poderes democráticos" e a posta en marcha de "políticas ao servizo do país".

A mobilización visa pular por un proceso "de reconstrución dos poderes democráticos"

Eleccións anticipadas para "rescatar a democracia"
O portavoz nacional da organización frontista criticou con dureza a "corrupción endémica" que asolaga o Partido Popular e urxiu a convocatoria de eleccións anticipadas para, dixo, "limpar o sistema político". Así, animou á cidadanía a "rescatar a democracia". O

O dirixente nacionalista anunciou que iniciarán unha campaña "de sensibilización e concienciación social" de aquí ao vindeiro 15 de setembro en aras de promover unha "rebelión cidadá" para rematar coa "cumplicidade entre os poderes económicos e o PP" que, asegura Vence, "están destrozando" o país.