O BNG reclama ao Goberno do Estado a intervención pública de Alcoa

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

O deputado Néstor Rego intervirá esta cuarta feira na sesión de control ao Goberno do Estado para exixir actuacións contundentes ante o incumprimento do Acordo de Viabilidade por parte de Alcoa.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participará na vindeira sesión de control ao Goberno do Estado que decorrerá na Cámara Baixa esta cuarta feira, 12 de novembro, para reclamar o compromiso do Executivo estatl co obxectivo de que se manteña a actividade e a totalidade dos postos de traballo en Alcoa San Cibrao, na Mariña.

Segundo informa a foirmación nacionalista, Rego porá de manifesto os incumprimentos por parte da empresa e, neste contexto, defenderá que a única solución posíbel é a intervención pública, tal e como veñen reclamando as persoas traballadoras, sindicatos e o propio BNG desde hai tempo.

Néstor Rego preguntará a Jordi Hereu que é o que está a facer o Ministerio para garantir que se cumpra a totalidade do Acordo asinado por Alcoa San Cibrao cos traballadores e traballadoras, asinado en 2021 e modificado en 2023. "Resulta incomprensíbel que, a pesar do incumprimento fragrante, o Ministerio teña asinado, conxuntamente co goberno da Xunta de Galiza, un memorando de entendemento que é secreto e non está a garantir nin a continuidade da actividade de alumina e aluminio na Mariña, nin a mantemento da totalidade dos postos de traballo", subliña o deputado nacionalista.

"Queremos que o Ministerio de Industria actúe para obrigar a empresa a cumprir especialmente en dous elementos centrais: rearrancar a totalidade das cubas de electrólise, porque a día de hoxe están operando só 183 do total de 512; ademais, cumprir o compromiso para a construción dun novo forno de cocción de ánodos cun investimento a redor de 100 millóns de euros e que a empresa foi sistematicamente adiando", engade Rego.

Para a organización nacionalista, as constantes declaracións por parte de Alcoa poñen en cuestión a continuidade da actividade da planta na Mariña. Tanto traballadores e traballadoras, como sindicatos e o propio BNG entenden que a única solución "é a intervención pública da empresa por parte do Goberno, a través da SEPI". Esta operación, engade o deputado do BNG, pode ser incluso de maneira temporal até que se poida traspasar a un operador que teña un proxecto industrial fiábel, solvente e de futuro co obxectivo de manter a totalidade dos postos de traballo.