O BNG reclama garantir un sistema ferroviario "accesíbel e adaptado"
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou esta sexta feira ao Goberno español que cumpra os compromisos alcanzados co BNG de mellorar o servizo ferroviario na Galiza con máis frecuencias e máis liñas, así como axilizar a implantación as proximidades ferroviarias.
Tal e como adiantou Nós Diario o 12 de xuño, a formación nacionalista conseguiu que se incorporase unha emenda transaccional na Lei de mobilidade, relativa ao estudo de novos servizos ferroviarios, na que o Goberno español se compromete a estudar, avaliar e despois "implementar" aqueles considerados "cotiáns".
Por iso, Rego lembrou que "é ilóxico pretender fomentar o uso do tren se despois non hai trens nin horarios acomodados para ir traballar ou estudar". Neste sentido, o deputado nacionalista instou o Ministerio a reforzar os servizos e a cumprir os compromisos asumidos no acordo de investidura coa implantación das proximidades ferroviarias.
Ademais, diante do anuncio da fin da vixencia dos bonos gratuítos, Rego reclamou que se manteñan as bonificacións actuais até finais de ano, mentres non se implanta un novo modelo, e propón unha fórmula mixta: gratuidade para colectivos vulnerábeis, estudantes, persoas xubiladas ou viaxeiros recorrentes, e tarifas competitivas para o resto da poboación.
"O transporte público, e en particular o ferroviario, debe ser unha prioridade da política estatal, tamén na Galiza. Non é suficiente cun billete único, que podería chegar en 2026; fai falta actuar xa para non botar por terra os avances conseguidos" salientou o deputado.
Tamén esta feira, a organización de consumidoras e consumidores Facua remitiu un escrito a Renfe para que elimine a "discriminación" que sofre a Galiza por non poder adquirir os billetes de tren con máis antelación.