BNG e PSdeG acordan impulsar o Consello Económico e Social na Coruña

Reunión da Comisión de Seguimento desta terza feira (Foto: Nós Diario).
As nacionalistas cualifican de "relevantes" os tres acordos aos que chegaron coa formación socialista na reunión da Comisión de Seguimento.

As corporacións locais na Coruña de PSdeG e BNG mantiveron esta terza feira unha nova reunión da Comisión de Seguimento do Pacto de Investidura na que acordaron impulsar a creación do Consello Económico e Social, constituír o Consello Municipal de Cultura e trasladar ao Pleno a Ordenanza do Galego para a súa aprobación.

"Na comisión puxemos sobre a mesa cuestións que figuraban no acordo de investidura e que ao noso xuízo non se están cumprindo", expuxo o portavoz nacionalista, Francisco Jorquera, nunha rolda de prensa posterior á reunión que ofreceu xunto ao portavoz do Goberno socialista na Coruña, José Manuel Lage.

Porén, salientou que "a cidadanía demanda dos grupos que as diferenzas e o exercicio da crítica non impidan chegar a acordos se estes son positivos para a cidade", e cualificou como "relevantes" os tres acordos materializados neste encontro.

A respecto do Consello Económico e Social (CES), Jorquera explicou que o seu obxectivo é ser "un marco de diálogo e consulta permanente cos axentes sociais", a fin de impulsar, "en coordinación cos restantes concellos da área metropolitana e outras institucións", o deseño dunha "estratexia económica de futuro" para A Coruña e a súa comarca.

O Consello Municipal de Cultura, así mesmo, actuará como "un órgano de participación cidadá en que o tecido cultural poida dialogar e facer propostas directamente ao Goberno Municipal", segundo indicou o portavoz do BNG.

Por outra banda, a Ordenanza do Galego procura "unha norma que regule o uso da nosa lingua, para o potenciar por parte da Administración local", asegurou Jorquera.