O BNG propón renomear a rúa do alcalde franquista Sanjurjo como Diplomáticos de Monte Alto

Mercedes Queixas nun Pleno municipal na Coruña. (Foto: Nós Diario
En aplicación da Lei de Memoria Democrática, Queixas vai defender unha moción no pleno da Corporación municipal da cidade herculina da vindeiro sexta feira 11 de xullo unha moción para que a rúa Alcalde Sanjurjo se pase a chamar rúa Diplomáticos de Monte Alto.

"Un represor fascista que mesmo chegou a ser poñente de sentenzas de morte nos anos 40 do pasado século non pode dar nome a unha rúa da cidade", desta maneira defende a concelleira do BNG na Coruña, Mercedes Queixas, a retirada do outorgamento dunha rúa ao alcalde franquista Eduardo Sanjurjo de Carricarte.

En aplicación da Lei de Memoria Democrática, Queixas vai defender unha moción no pleno da Corporación municipal da cidade herculina da vindeiro sexta feira 11 de xullo unha moción para que a rúa Alcalde Sanjurjo se pase a chamar rúa Diplomáticos de Monte Alto.

"Damos así traslado a unha proposta impulsada pola asociación cultural Alexandre Bóveda e que recolle o sentir das veciñas e dos veciños de Monte Alto e de moitos profesionais do vizoso tecido musical da cidade", argumenta a concelleira nacionalista.

Para o BNG, "é de xustiza que se lle retire esta honra a quen, alén de participar directamente no golpe fascista de 1936 e na cruel represión posterior á conclusión da guerra, foi alcalde durante a ditadura franquista", expresa a edil da formación.

"O Goberno de Inés Rei aínda ten moito traballo a facer para dar cumprimento á Lei de Memoria Democrática e para aplicar o informe elaborado polo Instituto José Cornide en relación aos nomes do rueiro da nosa cidade que continúan vinculados coa Ditadura e coa represión franquistas", argúe Queixas.

Lembra a concelleira que o nome de Eduardo Sanjurjo de Carricarte (distinguido tamén cunha escultura, un busto que se acha xusto por detrás do Pazo de María Pita) xa foi retirado do colexio que desde 2022 se pasou a chamar CEIP Torre de Hércules.

"É xa moita hora de lle retirar o nome a esa rúa e de que a nova denominación sexa a dun grupo musical tan querido pola veciñanza coruñesa, uns Diplomáticos de Monte Alto que se caracterizan polo seu compromiso coa cultura e coa creación musical en galego e tamén coa identidade popular coruñesa en xeral e de Monte Alto moi en particular", conclúe Queixas.