BNG propón unha lei de transporte escolar e a xestión dos comedores escolares por parte da Xunta

Ana Pontón visita a cociña da escola infantil de Ames

Comeza o curso escolar e a candidata do BNG, Ana Pontón, visitou esta segunda feira a escola infantil de Ames. A aposta no ensino é chave para “abrir un tempo novo” na Galiza, proclamou.

De acordo cos dados achegados por Pontón no seu encontro cos meios, Feijóo recortou nos seus anos de goberno por volta de “3.000 profesoras e profesores”, un impacto que foi especialmente daniño para “o alunado que ten necesidades de inclusión”, dixo. Face ese modelo neoliberal de limitación do gasto público e apoio á escola privada o BNG opón a súa aposta nun “ensino público, inclusivo, galego e en galego”.

Ana Pontón ten na cabeza, entre outras medidas concretas, o impulso dunha Lei de Transporte Escolar que garanta o “direito de todo o alunado” a asistir ás aulas e tamén a asunción por parte da Xunta -de forma “paulatina”, esclareceu a candidata- da xestión dos comedores escolares.

“O ensino é un pilar fundamental para abrirmos un tempo novo”, enfatizou, ao tempo que demandou o incremento do orzamento da Xunta en materia de educación, até acadar o 7% do PIB, e a recuperación da gratuidade dos libros de texto.