BNG propón crear unha plataforma publico-privada para comercializar a produción agrogandeira

Ana Pontón aposta na súa visita ao Campus de Lugo por modernizar o sector primario a través da ciencia e da investigación e pechar ciclos produtivos para gañar valor engadido.

 

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou o Campus de Lugo, con especial atención ao proxecto Campus Terra, da man da vicerreitora Montse Valcarcel, onde destacou a importancia da ciencia e da investigación aplicada tamén ao sector primario, “estratéxico para a economía” galega.

Pontón salientou a  importancia de “aplicar a ciencia e a innovación” ao tecido produtivo real, "para que os sectores tradicionais gañen músculo da man da I+D+i, para ser competitivos e xerar valor engadido a través do peche dos ciclos produtivos, abrindo a porta a emprego de máis calidade, a un aumento de rendas para os produtores e produtoras e propiciar unha actividade industrial de transformación dos produtos vinculados ao sector agrogandeiro, sector esencial na economía de Galiza, creando unha rede de empresas que leven a cabo esa transformación".

Neste sentido, falou dos "circuítos curtos de comercialización ou quilómetro cero", é dicir, da granxa/horta á mesa, aproveitando a estratexia europea do Pacto Verde, encamiñada a proporcionar alimentos saudables, cun menor impacto ambiental ao tempo que se garanten mellores condicións de traballo e rendas aos agricultores e gandeiros galegos”.

Igualmente, o nacionalismo propón impulsar unha plataforma de distribución público-privada que canalice os produtos galegos tanto cara ás cadeas alimentarias como para colectivos de consumidores, "que permitiría dar saída a moitas das pequenas e medianas producións agroganderias", explicou.

Pontón explicou en Lugo as propostas que formula a formación nacionalista, na súa aposta por  un rural vivo, con servizos, con calidade de vida, un rural do século XXI, aproveitando a visita ao Campus de Lugo xunto coa deputada Olalla Rodil e o portavoz municipal, Rubén Arroxo.