O BNG propón "blindar" o concerto económico no Estatuto galego

Ana Pontón en rolda de prensa en Compostela, o 23 de xuño. (Foto: Arxina)
A líder nacionalista compareceu en rolda de prensa para anunciar unha das propostas que levará ao Pleno do Parlamento.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu en rolda de prensa esta segunda feira a proposta que a súa formación levará hoxe ao Pleno do Parlamento para reformar o Estatuto co obxectivo de que as galegas e os galegos teñan "a chave dos seus cartos a través dun concerto económico".

Trátase dunha "proposta ambiciosa" para "blindar" no Estatuto un concerto económico para que Galiza teña "máis recursos que lle permitan mellorar a sanidade, a educación, as políticas de vivenda ou a atención á dependencia”, explicou. Neste sentido considerou o actual modelo "discriminatorio" por perder "miles de millóns de euros cada ano".

Lembrou que o informe oficial do Consello de Contas incide en que Galiza tivo 13.975 millóns de déficit entre 2009 e 2021. Isto, incluíndo os fondos complementarios, porque se se teñen en conta só as transferencias do actual sistema, "o déficit elévase aos 18.240 millóns".

Así, pediu a PP e a PSOE que abandonen o "centralismo financeiro" e apoien a "proposta de país" do BNG que ten como obxectivo incrementar o "autogoberno fiscal e financeiro".