O BNG presenta un recurso de amparo ante o Constitucional polas "imposicións e vetos" do PP na comisión de investigación

Ana Pontón, no centro, cos representantes do BNG na comisión. De esquerda a dereita: Óscar Insua, Montse Prado, Luís Bará e Iago Tabarés. (Foto: BNG)
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirma que “por moito que o Partido Popular se empeñe en ocultar 15 anos de chanchullos, imos ir até o final para que saia á luz toda a verdade”.

O BNG anunciou esta segunda feira que vai presentar un recurso de amparo ante o Constitucional polas imposicións e vetos do PP na comisión de investigación

Impugna así o que cualifica como "a imposición unilateral do plan de traballo e a negativa a revogalo", o que vulnera, entende os nacionalistas, os dereitos fundamentais dos deputados.

Pide ao TC que retrotraia a comisión ao momento da elaboración do plan de traballo para garantir que poida cumprir o seu fin investigador . A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirma que “por moito que o Partido Popular se empeñe en ocultar 15 anos de chanchullos, imos ir até o final para que saia á luz toda a verdade”.

A líder nacionalista cualifica de "decisións antidemocráticas do PP" os vetos deste partido na comisión, que implicaron que "non se nos permitiu incorporar ningunha solicitude de comparecencia na comisión nin tamouco ningunha documentación clave para a investigación".

Pontón pon como exemplo deste proceder que o PP vetase a comparecencia de Alberto Núñez Feixoo ante a comisión, malia que os feitos investigados (sobrecusto na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro e contratos menores da Xunta da Galiza), ben tivesen lugar baixo o seu mandato ou ben afectasen a procesos de contratación que beneficiaron empresas de familiares do ex presidente do Goberno galego

"O que está claro é que o PP teme esta comisión", denunciou Pontón.  O que reclama ao BNG ao Tribunal Constitucional é que o desenvolvemento da comisión de investigación se "retrotraia" até o momento da elaboración do plan de traballo, é dicir, unha volta ao momento en que se definiu quen sería chamado a comparecer e que documentación sería solicitada para tratar os contratos con determinadas empresas como Eulen ou o modelo elixido para construír o hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

"Sabemos que non van actuar (o TC) coa mesma dilixencia que estamos a ver noutros casos do Estado, mais temos que confiar nos mecanismos que temos", engadiu finalmente.

A formación frontista, que co seu peso no Parlamento esta lexislatura forzou a creación desta comisión que encara a súa recta final, entende que as decisións adoptadas na configuración do plan de traballo -do que sae a lista de comparecentes e as peticións de documentación- supoñen "unha vulneración" do dereito fundamental dos deputados e deputadas para exercer a súa función de control ao goberno ao ser "impostas" de forma "unilateral" polo PP grazas á súa maioría absoluta na Cámara galega.