O BNG pide que Rueda explique no Parlamento a súa negativa a que a Galiza teña un financiamento propio
Ana Pontón insta o Goberno español a que “acepte” o ditame de Bruxelas sobre a AP-9 e “poña fin ás peaxes”.
O BNG vai pedir a comparecencia do presidente galego, Alfonso Rueda, no Parlamento da Galiza, para que explique “por que deixa atrás a Galiza en financiamento”. Así o manifestou esta sexta feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha comparecencia, na que sinalou a “preocupación” da organización “polo feito de que a Galiza fique atrás no debate sobre o modelo de financiamento”, que volve estar sobre a mesa após o acordo entre gobernos español e catalán da pasada segunda feira.
Pontón lamentou que a Galiza estea a ser “a única nacionalidade histórica” que “non vaia ter a chave dos seus cartos”, o que se traduce en que vai ter “menos recursos para facer fronte ás necesidades da Galiza”. Defendeu que a Galiza precisa un concerto económico e lembrou que o actual modelo de financiamento é “discriminatorio” para o noso país, cun déficit de ao redor de 1.500 millóns de euros anuais, segundo os informes do Consello de Contas.
“É preocupante que Rueda defenda que Galiza é pobre”, dixo, “cando é ao revés, o Estado fai caixa na Galiza”. Por iso, a nacionalista pediu ao presidente da Xunta “que rectifique” e “defenda os intereses dos galegos e galegas” na vez dos do “PP español”.
Galego na UE
A portavoz nacional cualificou de “preocupante” que Alfonso Rueda, dixo, estea a pór “paos nas rodas” ao recoñecemento do galego na Unión Europea. Considera un “esperpento” que teñan que ser os presidentes vasco e catalán os que “defendan” que o galego sexa oficial na UE, mentres Rueda non apoia esa demanda.
“Por que lle sobra o galego, señor Rueda?”, preguntou. “ É este o pacto pola lingua que ofrece o PP? Ir en contra do galego como fixeron estes 16 anos?:
AP-9
A preguntas da prensa sobre que a Comisión Europea ratifique a prórroga concedida polo Goberno español presidido por José María Aznar á AP-9 é ielagl, Pontón dixo que o que ten que facer o Executivo español agora “é aceptar ese ditame” e “pór fin ás peaxes”.