O BNG pedirá ao Parlamento que se pronuncie contra os ventres de aluguer

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa (Foto: Nós Diario).
Pontón denuncia a "mercantilización" das mulleres.

O BNG promoverá unha declaración institucional para que o Parlamento da Galiza se pronuncie en contra dos ventres de aluguer.

Así o anunciou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, onte en Ourense, onde asegurou que "se hai algo que preocupa" á organización nacionalista é "ver como avanzan os discursos negacionistas, machistas que fomentan o odio", así como que "neste momento preténdase dar pasos atrás nos dereitos das mulleres". Neste sentido, esixiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que aclare a súa postura respecto da xestación subrogada. "As mulleres temos dereito a que se nos salvagarde que non se van a mercantilizar os nosos corpos", reclamou Ana Pontón, quen criticou, ademais, que se trata "dun retroceso" e "desde logo dun abuso contra aquelas mulleres que están nunha posición con menos recursos".

Pontón subliñou que "hai que combater calquera paso atrás nos dereitos das mulleres" e advertiu de que "os corpos" das mulleres "non son unha incubadora". "Estamos a falar de que se quere limitar a liberdade das mulleres", sostivo.

Por iso, o BNG avanzou que levará á Cámara unha proposta de declaración institucional para que os tres grupos parlamentarios se pronuncien "claramente" contra a proposta do PP español, "unha involución" coa que a líder da oposición considera que "queren legalizar os ventres de aluguer".

Rueda: "Non teño un xuízo formado"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestouse onte partidario de abrir un debate "razoado e sosegado" sobre a xestación subrogada sen posturas "apriorísticas" de "non, en ningún caso" ou "si en todos", na que se analicen as distintas implicacións. Rueda dixo que el "non ten un xuízo formado".