O OBXECTIVO: UNHA PAPELETA NACIONALISTA

O BNG manterá esta terza feira unha reunión con Anova para dar cumprimento ao mandato da Asemblea Nacional

Nova Executiva Nacional do BNG

Co obxectivo de lograr unha candidatura nacionalista para as eleccións galegas, o BNG xa encetou as conversas con entidades e formacións políticas. Así o determinara o conxunto da militancia do Bloque na XV Asemblea Nacional.

Segundo a información publicada por Europa Press, o BNG reunirase na terza feira con representantes de Anova en cumprimento do acordado na Asemblea Nacional a respeito da conformación dunha candidatura de orientación nacionalista para as eleccións galegas.

Na súa primeira reunión, o Consello Nacional acordara encetar os contactos con formacións e colectivos nacionalistas de cara a conformar unha papeleta en clave de país que concorra ás eleccións galegas. O obxectivo, tal e como reitera a portavoz nacional, Ana Pontón, non é outro que o de artellar unha candidatura nacionalista que sexa clave na derrota do PP.

A xuntanza desta terza feira chega após os primeiros contactos do Bloque con Compromiso por Galicia. A formación liderada por Xoán Bascuas tamén está a desenvolver encontros con outras formacións políticas para marcar a súa estratexia electoral. No seo desta formación, hai un sector que defende integrarse directamente en En Marea e outro sector aberto a alianzas electorais máis amplas.

Diferenzas estratéxicas separan BNG e Anova

A reunión con Anova é puramente protocolaria, dadas as diferenzas estratéxicas que separan ambas as formacións: o BNG, procurando a unidade no ámbito do soberanismo e Anova pondo o acento na mestizaxe coa esquerda de ámbito estatal.

Precisamente, Anova convocou este sábado a súa conferencia política para o mes de abril após unha xeira de asembleas locais nas que acordou seguir afondando na confluencia de En Marea. O partido liderado por Xosé Manuel Beiras defende que a coligazón se converta nun partido instrumental.