O BNG lamenta que o PP "abrace o discurso racista da ultradereita"

Ana Pontón e Goretti Sanmartín na festa da Ascensión, o 29 de maio. (Foto: Arxina)
Ana Pontón cre que Rueda "segue a estratexia de Feixoo".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acompañada pola alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, percorreu esta quinta feira ao mediodía a Alameda da capital galega con motivo das festas da Ascensión. 

En declaracións aos medios no marco das celebracións, a líder nacionalista referiuse ao acollemento de menores migrantes na Galiza e censurou que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, ante uns nenos e unhas nenas que están a pasar por "dificultades terríbeis", afirme que Galiza non ten capacidade.

"Debería darlle vergoña dicir que non temos capacidade, primeiro porque é un síntoma de deshumanidade, de insolidariedade, e en segundo lugar, porque está a sinalar que o noso sistema de acollida de menores está colapsado e iso é gravísimo", advertiu.

A portavoz nacional do BNG lamentou que o PP estea "a abrazar" o "discurso racista da ultradereita". Ademais, criticou "que se empezara a cuestionar" que Galiza poida ser unha terra de acollida cando "nós somos un pobo emigrante". 

Pontón considera que Rueda "está a ir en contra do que senten os galegos e as galegas", porque Galiza "si ten capacidade" para acoller eses nenos. "O que parece que falta é vontade política por parte do PP", denunciou.

Finalmente, a líder nacionalista censurou que o PP empregue nestes momentos "calquera tema para seguir a estratexia partidista de Feixoo", e subliñou que "a Xunta non pode estar ao servizo desa estratexia". Por iso, Pontón cre que "debe imperar o valor da humanidade, os dereitos, a solidariedade".

Pedro Branco

Pola súa parte, o delegado do Goberno, Pedro Branco, instou esta quinta feira tamén a Xunta da Galiza a ser "solidaria" para acoller menores migrantes.

Nun acto decorrido na Coruña, argumentou que "estamos a facer unha valoración dunha conferencia sectorial que non tivo lugar". Por este motivo pediu ser "solidarios" para "a partir de aí empezar a falar".