O BNG insta a Xunta a "rectificar" sobre Altri e Rueda di que o seu Goberno é "firme" e "coas cousas claras"
Apenas 72 horas despois de que ducias de miles de persoas enchesen Compostela para mostrar o seu rexeitamento á instalación dunha celulosa na Ulloa, este proxecto de Altri protagonizaba a sesión de control ao presidente no Parlamento galego. Ana Pontón acusou Alfonso Rueda de protagonizar sobre este proxecto un "engano" e de "mentir" ao Parlamento galego e á "cidadanía": "Sabía que era unha bomba ambiental e por iso ocultou [o verdadeiro contido do proxecto] até despois das eleccións" galegas, o pasado mes de febreiro.
A nacionalista, que na súa intervención mostrou diferentes produtos da Ulloa e da ría de Arousa para demostrar o perigo que sobre eles se cerne con Altri, instou a Rueda a que "rectifique, a que escoite" e asegurou que a cidadanía "non vai perdoarlle que poña Altri por riba das súas vidas".
Rueda acusou o nacionalismo de ter unha "estratexia" na cal "non queren que aquí se instale nada para despois criticar que aquí non se instala nada". Acusou a portavoz nacionalista de "non ter nin idea" de como funciona unha "Administración seria" e volveu repetir o argumento de que a decisión sobre Altri é algo que decidirán os técnicos. Un extremo que negou Ana Pontón: "Unha decisión técnica? Mentira, é unha decisión política xa tomada, vostedes son os impulsores deste proxecto". A líder do BNG, neste sentido, lembrou a Alfonso Rueda recentes declaracións do Goberno galego nas que cualificaba o proxecto da multinacional para Palas de Rei como "un proxecto redondo".
O titular da Xunta insistiu en que o BNG o que procura é que na Galiza non se instale "nada" e contrapuxo a esa postura a dun Goberno, o que preside, "firme e coas cousas claras".
Altri non é un tema cómodo para o presidente. Por iso na súa reposta intentou enmarcar o rexeitamento a este proxecto nunha especie de "non a todo" que atribúe ao nacionalismo: "Non lles gustan os turistas, non lles gustan os investidores. Estamos fartos de que digan quen pode entrar e quen non", dixo Rueda. "Buscan oportunidades para facer ruído", engadiu, e apelou "á xente que quere traballar aquí, aos mozos que queren traballar aquí" fronte a un BNG "que quere unha terra de emigrantes".
Pontón, porén, indicou que Altri non implicaría crear empregos ("empezaron falando de 2.500 e ao final, un informe do Consello da Cultura Galega di que como moito crearía 250"), senón que ameazaría miles dos existentes. "Non son quen de atraer proxectos de vangarda, sostíbeis, industria de futuro", acusou á Xunta, "só de pór unha alfombra vermella a multinacionais contaminantes".
A sesión de control acolleu tamén a primeira participación na mesma do deputado de Democracia Ourensá, Armando Oxea, que acuou a Xunta de "discriminar" Ourense nos Orzamentos para 2025.