O BNG exixe no Senado abrir unha investigación do sinistro laboral nas obras do AVE en San Cibrao

A senadora do BNG, Carme da Silva, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

Carme da Silva demandou ao Goberno estatal asumir a súa responsabilidade directa no accidente.

A senadora do BNG, Carme da Silva, anunciou esta cuarta feira o rexistro de iniciativas urxentes para reclamar explicacións e actuacións inmediatas ao Goberno do Estado após o accidente laboral sucedido o pasado 18 de novembro nas obras de execución da Variante Exterior de Alta Velocidade en Ourense, onde perdeu a vida un traballador de 45 anos e outro operario resultou ferido.

O sinistro tivo lugar na boca norte do túnel de Rante, en San Cibrao das Viñas,  cando unha estrutura metálica de 14 toneladas caeu sobre a cesta da maquinaria elevadora que manexaba o operario falecido. Nas obras da Variante Exterior traballan diversas empresas subcontratadas pola UTE Sando e Rover, adxudicataria das actuacións.

A senadora do BNG, Carme da Silva, denunciou que este accidente “non é un feito illado”, senón que se enmarca nunha longa serie de sinistros laborais nas obras do AVE galego. De facto, lembrou a senadora nacionalista, non é a primeira vez que o BNG rexistra iniciativas ante o malestar emanado polos propios traballadores e traballadoras das obras.

Investigación inmediata e exhaustiva

Ante esta situación, o BNG demandou ao Goberno Estatal asumir a súa responsabilidade directa neste ámbito, por tratarse de obras públicas financiadas e contratadas pola Administración Xeral do Estado. “O Goberno debe atender esta situación. A responsabilidade última é pública e debe esixir garantías e seguridade” subliñou da Silva.

Entre as demandas formuladas, o BNG requiriu “coñecer con exactitude as causas do accidente mortal de San Cibrao das Viñas e que se faga pública toda a información relativa ás circunstancias do sinistro”. Para iso, Carme da Silva sinalou a necesidade de abrir unha investigación que permita esclarecer o sucedido e depurar responsabilidades se as houber.

“O Goberno debe dar unha explicación detallada das medidas adoptadas até hoxe polo Goberno para reducir a elevada sinistralidade das obras do AVE galego, que xa motivou denuncias sindicais no pasado e informar sobre as inspeccións laborais realizadas, incluíndo o número de actuacións efectuadas na Variante Exterior do AVE a Ourense e os incumprimentos detectados” subliñou da Silva.

Ante esta situación, o BNG propuxo ao Goberno reforzar os controis e inspeccións periódicas, garantir o cumprimento estrito da normativa de prevención de riscos laborais e actuar “con firmeza” fronte á calquera práctica empresarial que comprometa a seguranza dos operarios.