O BNG exixe a gratuidade da AG-55 e acusa a Xunta da Galiza de "discriminar" Bergantiños e a Costa da Morte
Ana Pontón presentou en Carballo unha campaña para eliminar as peaxes nunha vía que usan máis de 100.000 persoas. A formación denuncia 30 anos de pagamento e lembra que o Goberno galego destinou 300 millóns a rescatar outras autoestradas.
O BNG iniciou este sábado en Carballo unha campaña para reclamar a gratuidade da AG-55, unha infraestrutura "chave" para Bergantiños e a Costa da Morte. A portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou a situación de "inxusta" tras décadas de pagamento por parte da veciñanza.
"Estamos aquí para reclamar algo que é de xustiza: a gratuidade dunha autoestrada que levamos 30 anos pagando", afirmou. Pontón denunciou que as peaxes supoñen un lastre para as persoas usuarias, especialmente nun contexto de subida de prezos.
A líder nacionalista cuestionou tamén a actuación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cuxo Goberno, criticou Pontón, vén de pagar 300 millóns de euros para rescatar catro viarios de titularidade autonómica. "Por que a AG-55 non? Por que se empeña en discriminar a veciñanza destas comarcas como se fosen galegos con menos dereitos?", preguntou Ana Pontón.
A AG-55 é a principal vía de comunicación para unha poboación superior ás 100.000 persoas. Nun territorio con escasas alternativas de transporte, o uso do coche resulta imprescindíbel para traballo, estudos ou acceso a servizos.
Así, o BNG anunciou tamén mobilizacións e iniciativas institucionais para lograr a eliminación das peaxes. A formación nacionalista levará a demanda ao Parlamento galego e desenvolverá actos nos concellos afectados.
Impacto económico e social
Na presentación participou tamén o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, que criticou o impacto das peaxes. "Son un sobrecusto inxusto para familias e empresas e un lastre para a mobilidade e a competitividade", advertiu.
O rexedor lembrou que a autoestrada fora inicialmente comprometida como gratuíta. Denunciou ademais o "agravio comparativo" tras a decisión da Xunta de non incluíla no plan de rescate doutras vías e sinalou as deficiencias da infraestrutura, tanto na conservación como na seguridade, especialmente en condicións meteorolóxicas adversas.
"A veciñanza, as persoas traballadoras, as persoas autónomas e empresariado da Costa da Morte e de Bergantiños non merecen este trato por parte do goberno da Xunta, o que merecen é unha AG-55 segura e libre de peaxes", concluíu o alcalde de Carballo.