O BNG exixe ao Ministro de Industria a intervención pública de Alcoa
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demandou esta cuarta feira ao Ministro de Industria o compromiso do Goberno estatal para o mantemento da actividade e dos postos de traballo na planta de Alcoa en San Cibrao (A Mariña). Rego sinalou a Jordi Hereu a necesidade de que o Executivo español se abra á intervención pública, aínda que sexa temporal, para garantir a continuidade da actividade de alumina e aluminio na Mariña.
“Que accións está a desenvolver o Goberno ante o incumprimento por parte de Alcoa do Acordo de Viabilidade asinado en 2021 coa representación das traballadoras?” foi a pregunta formulada polo deputado do BNG, quen valorou que a resposta do ministro de que están “a traballar para facer posíbel o futuro de Alcoa na Galiza, con Alcoa ou outra xente” é excesivamente ambigua e inconcreta.
O deputado nacionalista, neste sentido, exixiu concreción ao Ministro de Industria, debido a realidade é que o Acordo asinado por Alcoa coas traballadoras e traballadores -asinado en 2021 e modificado en 2023- “non está facendo que o Ministerio actúe: só están activas 230 das 512 cubas de electrólise, non se está a construír o novo forno de cocción de ánodos, cun orzamento que ultrapasaba os 100 millóns de euros”.
Rego reclamou que “as constantes declaracións por parte de Alcoa poñen en cuestión a continuidade da actividade da planta na Mariña e, ante esta incerteza, o Goberno debe abrir a porta á intervención pública, aínda que sexa de maneira temporal até que se poida traspasar a un operador cun proxecto industrial fiábel, solvente e de futuro”.
O BNG “non dará un cheque en branco”
Aliás, advertiu ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de que o BNG mantén o seu compromiso coa estabilidade da lexislatura, mais exixe o cumprimento íntegro do acordo de investidura coa Galiza e rexeitou a orientación belicista do Goberno español.
Rego sinaou que a comparecencia do presidente do Goberno, a teor do debate producido pola mañá no Congreso, estivo centrada “en tres pés: corrupción, inestabilidade e militarismo” e aproveita a súa intervención para reiterar que o BNG defende ser “implacábel” contra a corrupción “veña de quen viñer e teña as consecuencias políticas que tiver”.
No relativo á estabilidade política, Rego reiterou que o BNG nunca facilitará un goberno das dereitas ultras e que aposta por que a lexislatura chegue ao seu termo. Mais iso “non implica un cheque en branco”, advirte o deputado nacionalista mentres sinala que “a condición é que o Goberno cumpra coa Galiza”.