O BNG destaca o seu logro para manter as paradas de bus
O BNG valorou esta sexta feira as súas demandas introducidas na Lei de Mobilidade Sustentábel coas que a formación nacionalista conseguiu que o Goberno do Estado mantivese a totalidade das paradas de autobús que pretendía eliminar na Galiza. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, durante a súa visita onte a Allariz, sinalou que se manterán as 22 paradas nos concellos galegos e que, se a Xunta da Galiza as asume, non lle suporán gasto ningún porque será asumido polo Estado, mais que o BNG estará atento ás negociacións entre ambas as administracións para lograr a mellora do transporte público na Galiza.
Durante a visita, Rego reuniuse coa alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, que salientou que "máis unha vez demóstrase que co BNG, Galiza gaña. Gañan os dereitos da cidadanía, gaña a mobilidade sustentábel e gañamos todos e todas cun modelo que atenda ás necesidades reais da nosa xente e do noso territorio”, dixo a rexedora.
A alcaldesa puxo en valor que "estes avances son froito do traballo constante do BNG no Congreso, con firmeza e rigor, sen aceptar resignacións. A nosa voz serve para transformar e mellorar as cousas. Hoxe podemos dicir con orgullo que grazas ao BNG, Galiza está máis presente e máis defendida nesta Lei de Mobilidade".
"A fórmula do BNG para manter as paradas"
Rego reivindicou que "o BNG logrou blindar na Lei as paradas de autobús que o Goberno pretendía eliminar, garantindo así o dereito á mobilidade e o acceso aos servizos públicos nas zonas rurais e do interior".
O deputado lembrou que "grazas á capacidade de negociación do BNG", a lei recolle que se manterán conexións nas áreas que non teñan outras opcións de transporte, se o Goberno galego asume o servizos por delegación do Estado, serán compensadas economicamente. “A norma estabelece que o Estado deberá manter esas conexións ou, se as asume a Xunta, compensará economicamente á Administración galega, de modo que non haxa custe adicional para Galiza nin perda de servizos no rural” subliñouRego. En todo caso, "o BNG estará vixiante da traslación da norma e das negociacións entre ambas administracións para lograr efectivamente a mellora no transporte colectivo por estrada na Galiza", dixo.