O BNG denuncia ante o Parlamento europeo o proxecto de celulosa de Altri

Ana Miranda e Iria Carreira con responsábeis orgánicos e institucionais do BNG das comarcas de Arzúa, A Ulloa, Deza e Melide nesta sexta feira en Palas de Rei. (Foto: Nós Diario).

Ana Miranda visitou nesta sexta feira a comarca da Ulloa onde anunciou unha denuncia contra a celulosa de Altri na Eurocamara por incumprimento da normativa europea.

Ana Miranda mantivo nesta feira diversos encontros cos colectivos afectados polo proxecto de instalación dun celulosa en Palas de Rei, na comarca da Ulloa. A europedeputada nacionalista reuniuse con responsábeis orgánicos e institucionais do BNG nas comarcas de Arzúa, A Ulloa, Deza e Melide así como representantes Plataforma Ulloa Viva, a quen lles adiantou un paquete de iniciativas no Parlamento europeo contra a pasteira.

A eurodeputada nacionalista avanzou unha pregunta diante da Comisión de Peticións para “saber se este proxecto incumpre a normativa europea, porque non podemos consentir que se concedan fondos europeos a un complexo que pon en serio perigo a biodiversidade e o sector agrogandeiro de varias comarcas”.

A represente do BNG lembra que “a construción deste complexo está supeditado á recepción de axudas públicas dos fondos Next Generation, a través dos Perte, que xa foi rexeitado en 2023 da convocatoria do PERTE de descarbonización industrial por incumprir a normativa europea, pero a compañía sigue optando a próximas convocatorias destes fondos de recuperación europeos”.

Avaliación ambiental

“O elevado consumo de enerxía e auga, a posíbel contaminación no río Ulla e na ría de Arousa así como a dependencia da madeira de eucalipto e a perda de biodiversidade, son algúns dos aspectos que deberan ser considerados na avaliación medioambiental en caso de que este proxecto concorra a fondos europeos”, lembra Miranda, en relación coa tramitación do proxecto.

Miranda explica na súa denuncia á Comisión Europea que a falta de ampliación da Rede Natura pode posibilitar a instalacións do proxecto. Neste punto destaca que o espazo onde se proxecta o emprazamento foi incluída na proposta de ampliación da Rede Natura elaborada en 2011 pola Xunta da Galiza.

Rede Natura

A eurodeputada do BNG insiste que “a Rede Natura hai anos debería ter sido ampliada e ao non facelo o Goberno galego do Partido Popular vulnerou as reiteradas advertencias europeas que a Comisión formulou desde 2011 para que a Xunta ampliara este espazo protexido”.

A representante  nacionalista recorda que a superficie incorporada na Galiza á Rede Natura é unha das más baixas do Estado e da Unión Europea. Neste sentido, na Galiza só comprende 11,9 % do territorio, fronte a 27,8% no conxunto estatal.

Miranda acusa á Xunta da Galiza “de usar a ausencia de figuras de protección ambiental para promover proxectos que atentan contra o medio ambiente e incumpren a normativa europea”.