O BNG cuestiona a "falta de avaliación do impacto" da celulosa de Altri sobre as rías

A deputada nacionalista Rosana Pérez. (Foto: Parlamento galego)
O BNG, a través da deputada Rosana Pérez, interpelou esta cuarta feira o Goberno galego no Pleno sobre as consecuencias no río Ulla e na ría de Arousa se se instalara Altri en Antas de Ulla. O conselleiro do Mar di que "non parecen previsíbeis" danos no sector.

O grupo parlamentario do BNG, a través da deputada Rosana Pérez, interpelou esta cuarta feira o Goberno galego no Pleno sobre a "inexistencia de avaliación económico e social que suporía para o río Ulla e a ría de Arousa a instalación de Altri en Palas de Rei". A nacionalista lembrou que "perto de 20.000 persoas teñen o seu medio de vida no mar, nunha ría que pode verse en perigo". 

Pola súa parte, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, defendeu os informes técnicos incluídos na declaración de impacto ambiental (DIA) da macrocelulosa, unha actitude que Pérez reprochou na súa réplica.

A nacionalista cargou contra o informe "especialmente vergoñoso" da Dirección Xeral de Pesca, que descarta danos para o marisqueo por situarse a 70 quilómetros da fábrica. Así, cuestionou que se fixera unha análise ambiental "real" sobre os danos para o sector pesqueiro.

"Se a Consellaría informa favorabelmente porque o di a empresa, para que nos serve a Consellaría?", cuestionou Pérez durante a súa intervención, para seguir preguntando: "É que son o mesmo a Consellaría e a empresa?".

Neste sentido, criticou que a Xunta da Galiza presentase "menos de 35 liñas nunha resolución dun total de 76 páxinas, onde deixa moitos, por non dicir todos, aspectos sen avaliar e menos dunha forma rigorosa e onde se fía todo ao estudo de impacto ambiental presentado polo propio promotor".

Villares, pola súa parte, remarcou que o informe apunta a que "non parecen previsíbeis" danos no sector, á vez que lembrou que se puxeron condicionantes á compañía para "minimizar" os potenciais impactos da celulosa na contorna.