O BNG contrapón a súa alternativa á dun goberno “en fuga estes sete anos”

Ana Pontón atendendo os medios de comunicación en Poio.

Ana Pontón destaca que “a alternativa do cambio” ao PP debe ser en chave nacionalista.

O BNG sitúa as súas propostas como antítese do que significou “un goberno en fuga como tivemos estes sete anos”, manifestou a portavoz nacional nacionalista, Ana Pontón, durante a súa visita ao Concello de Poio. Pontón afirmou que o BNG é unha forza que sempre vai a estar a carón “da defensa dos intereses galegos” como demostra, explicou, a experiencia de centos de concellos nos que ten representación e máis de trinca alcaldías.

Sobre os asuntos tratados na reunión cos concelleiros e concelleiras do BNG de Poio Pontón destacou o incumprimento de moitas das demandas dos veciños e veciñas como a creación do parque empresarial que permita potenciar a xeración de emprego ou a mellora da seguranza viaria na PO-308 que atravesa todo o concello e que xera graves problemas de seguridade. Tamén se referiu a un sector tan importante na comarca e no país como o do mariqueo e conserva.

“Somos primeira zona produtora da Unión europea e a segunda do mundo despois de Thailandia” pero nestes últimos anos a crise afectou ao sector da conserva polo que  deben aplicarse medidas contra a fraude da etiquetaxe, apoiar a innovación do sector e defendelo ante as institucións europeas a través da creación dun observatorio da trazabilidade para controlar que produtos importados cumpran a normativa.