O BNG quer uns concellos que sexan verdadeiros motores da normalización do galego

O Bloque presentou un decálogo de idiomas a prol do idioma. O seu portavoz, Xavier Vence, ritica o “desprezo” ao idioma tanto de Feijóo como de Rajoy, comparable á actitude “que exercía Franco”.

 

O portavoz nacional do BNG. Xavier Vence, presentou nun acto con candidat@s da formación nacionalista en Ferrolterra o decálogo de compromisos a favor do galego. Asegurou que "as e os concelleiros e alcaldes nacionalistas van ser a garantía" de que o galego se use "de forma efectiva" na administración local, e criticou as políticas de "desprestixio e desprecio" do PP cara ao idioma propio do país.

Manifestou que BNG-Asembleas Abertas asumen como compromiso promover a normalización do uso do galego desde todos os concellos, “como administración máis próxima á cidadanía”. Lembrou que os municipios gobernados polo Bloque “xa son un exemplo” no uso e promoción da lingua, máxime nun contexto de retroceso do galego “que é necesario reverter” e que Vence atribuíu “ás políticas de abandono do noso idioma que practica tanto a Xunta de Feijóo como a inmensa maioría dos concellos nos que goberna o PP”.

Rajoy e a despensa de votos

O portavoz nacional tamén se referiu á visita de Mariano Rajoy a Galiza nesta campaña electoral, afirmando que “ve Galiza como unha simple despensa de votos do PP para despois aplicar desde Madrid políticas que van en contra dos intereses de Galiza, esnaquizando os nosos sectores produtivos, triturando os nosos dereitos sociais e os nosos servizos públicos, e desmantelando o noso autogoberno”.