O BNG carga contra o PP por tombar a suba das pensións: "Todo o que sexa unha suba de máis de 0,25% xa lle parece un exceso"

Néstor Rego no Congreso. (Foto: Nós Diario)
Néstor Rego mostrou o pesar do BNG e a súa solidariedade coas vítimas e familiares dos accidentes ferroviarios de Adamuz e Barcelona.

O Bloque Nacionalista Galego votou a favor da convalidación dos dous reais decretos lei sobre as medidas do Escudo Social e os abonos de transporte e convidou o Executivo español a "non caer na propaganda e nas medidas tintas e levar a cabo medidas valentes e permanentes". Neste sentido, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, criticou que o PP votase en contra e tombase o real decreto que subía as pensións, "co que prexudica millares de galegos e galegas".

"Se algo se lle pode criticar á proposta do Goberno é que aínda está por debaixo do IPC real, mais ao PP todo o que sexa unha suba de máis de 0,25% xa lle parece un exceso", sinalou Rego, que cualificou de "antisocial  e antigalega" a posición dos populares, que impide a suba das pensións ou a protección contra desafiuzamentos sen alternativa habitacional.

"Hai que revalorizar as pensións mais hai que facelo en base ao IPC real interanual; é de xustiza que as persoas con menos ingresos poidan garantir servizos esenciais en 2026 e sempre mais tamén é preciso garantir emprego e salarios dignos, a comezar por un SMI que se sitúe en 60% do Salario Medio; é necesario prohibir desafiuzamentos para persoas en vulnerabilidade mais é imprescindíbel actuar para garantir vivenda digna para todo o mundo", reivindicou Rego durante a súa intervención.

Por outra parte, o deputado mostrou o pesar do BNG e a súa solidariedade coas vítimas e familiares dos accidentes ferroviarios de Adamuz e Barcelona e agardou que, "á diferenza do acontecido co accidente de Angrois, haxa unha verdadeira investigación independente e xustiza".

"Quero expresar todo o pesar do BNG e a súa solidariedade coas vítimas e familiares dos accidentes ferroviarios de Adamuz e Barcelona. Agardamos que o sinistro de Adamuz sexa tratado con xustiza e haxa unha verdadeira investigación", afirmou Rego ao comezar súa intervención, lembrando que "os galegos e galegas coñecen perfectamente o que implica que un accidente non sexa investigado adecuadamente nin sexan asumidas responsabilidades".

"O feito de seren tratados de forma inxusta por parte das administracións e mesmo que existise un "pacto de silencio entre as forzas políticas do bipartidismo para ocultar as responsabilidades compartidas, sumou dor á dor provocada pola traxedia e a perda", manifestou Rego.

"Por iso expreso a solidariedade, mais unha vez, coas familias das vítimas de Angrois que veñen de sufrir un novo mazazo coa absolución de Cortabitarte, o único cargo de ADIF condenado polo accidente", acrecentou. Con respecto á sentenza da Audiencia da Coruña, o deputado denunciou que "máis unha vez, a xustiza colócase do lado dos poderosos".

Aliás, no debate sobre os abonos do transporte, o representante nacionalista instou o Executivo español a apostar decididamente polo ferrocarril na Galiza. "O BNG reclama a implantación do servizo de proximidade ferroviaria: que mude a mobilidade urbana actual e que remate cunha discriminación histórica ao carecer deste tipo de servizos", concluíu Néstor Rego.