O BNG acusa Rueda de "renunciar ao autogoberno" durante o apagamento
A viceportavoz do BNG no Parlamento da Galiza, Olalla Rodil, reclamou ao Goberno de Alfonso Rueda que explique ás galegas e aos galegos “por que Galiza renunciou a exercer a súas competencias” durante a crise da apagada eléctrica na pasada segunda feira. Segundo criticou Rodil, a actitude de Rueda ao reclamar o nivel 3 de alerta e traspasar as competencias ao Estado español “demostra moi pouca confianza na capacidade do País e mesmo pouca confianza na propia capacidade do Goberno galego”. Diante do acontecido, o BNG rexistrou esta cuarta feira unha solicitude de comparecencia urxente de Rueda no Parlamento “para que explique os motivos de ter deixado o mando da crise en mans do Goberno estatal” na noite do 28 de abril.
Rodil destacou que a, a excepción de Castela-A Mancha, todas as comunidades que pediron o nivel de alerta 3, “renunciando ás súas competencias de dirección e coordinación da crise”, están gobernadas polo PP, polo que “todo apunta a que esta decisión responde ao cumprimento dunha orde desde a dirección do PP na rúa Génova”, criticou a viceportavoz nacionalista, “e non a atender os intereses dos galegos e as galegas”.
O BNG considera que “non había razón que xustificase a renuncia da Xunta”, e criticou Rodil que “é lamentábel e triste que se poñan as competencias e o goberno da Galiza ao servizo da estratexia electoralista do PP en Madrid”.
Situación "caótica" nos centros educativos
Rodil achacou ás “decisións políticas” do PP a “confusión” e as “situacións caóticas” que se viviron na terza feira no ámbito educativo. “Entre a noite do 28 de abril e a mañá do día 29 vimos como a Xunta difundía informacións contraditorias xerando unha enorme confusión entre o profesorado e demais persoal dos centros e as familias”, dixo.
Segundo explicou, a última hora da tarde da segunda feira “díxoselles aos centros que se suspendían as clases” e a través dos servizos de inspección comunicouse ás direccións que o profesorado non tiña que acudir. Como consecuencia disto, sinalou Rodil que “as escolas infantís non abriron o 29 por decisión da Xunta”. Porén, na mañá da terza feira “a Xunta deu a contraorde” de que abrisen os colexios para prestar servizos de conciliación. “Orde e contraorde nos centros educativos: A xente non sabía que facer”, subliñou Rodil.
A viceportavoz nacionalista emprazou ao Goberno de Rueda a comparecer no Parlamento “para valorar o impacto económico que tivo a apagada en Galiza, cun tecido industrial e económico altamente dependente da electricidade”. Defende o BNG “que se dea conta do impacto económico” que tivo a apagada en sectores como a industria, os servizos ou a gandaría “para artellar as medidas, axudas ou políticas que sexan necesarias para apoiar estes sectores”.