O BNG acorda co Goberno estatal medidas complementarias de apoio ao sector pesqueiro galego
O Bloque Nacionalista Galega (BNG) vén de acordar co Goberno do Estado medidas de apoio ao sector pesqueiro galego, complementarias das recollidas no Real Decreto-Lei anticrise, que responden a algunha das reclamacións do sector en relación coa ampliación das cotas de raia, xarda e lirio, coa produtividade das rías e co revezamento xeracional nun ámbito -o da pesca- “fundamental para a economía e o tecido social da Galiza”.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, destacou que “este acordo recolle medidas necesarias para atender algunhas demandas do sector pesqueiro galego, apostando pola formación, o coñecemento científico e a mellora da capacidade operativa”.
Formación a bordo do buque Intermares
“O Ministerio de Pesca deberá pór en marcha un plan de formación pesqueira para mozos e mozas a bordo do buque-escola Intermares para garantir o revezamento xeracional no sector” anunciou Néstor Rego, sinalando que esta medida procura facilitar o acceso ao sector, ofrecendo capacitación directa para atallar “un dos problemas que está encontrando a frota galega, o de persoal cualificado”.
Nun contexto onde o sector precisa incorporar man de obra nova e ante as dificultades actuais, o BNG sinalou que esta medida formativa “é fundamental” para garantir a continuidade da actividade e ofrece oportunidades laborais “cualificadas”.
As rías galegas e a súa produtividade
Outro dos puntos acordados entre o BNG e o Goberno estatal é a realización dun estudo exhaustivo sobre a produtividade das rías galegas. “Pesca encargará ao Instituto de Oceanografía -que ten dous centros punteiros na Galiza- un estudo sobre a produtividade das rías galegas fundamentalmente para determinar o que xa é unha evidencia, que é a perda de produtividade e, polo tanto, para estabelecer cales deben ser as medidas correctoras e as actuacións necesarias para restaurar a calidade ambiental plena e a produtividade das nosas rías”
Segundo explicou a organización nacionalista, o estudo científico “permitirá contar con datos sólidos e garantir a sustentabilidade das rías, un dos principais motores económicos da Galiza”.
Intercambio de cotas con terceiros países
O acordo inclúe o compromiso de estabelecer mecanismos de intercambio de cotas (SWAPS) con terceiros países e frotas, co obxectivo de aumentar as posibilidades de captura de especies de grande importancia para o sector pesqueiro galego.
“O obxectivo é aumentar a cota de raia, xarda e lirio. Unha das reclamacións que está a demandar o sector pesqueiro galego para garantir a viabilidade e a continuidade da actividade económica” afirmou o deputado do BNG no Congreso.
Rego valorou “moi positivamente” as medidas acordadas e emprazou o Ministerio a “poñelas en práctica canto antes”.