Besteiro reivindica en Ferrol o legado de Pablo Iglesias
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, conmemorou esta sexta feira en Ferrol o 175 aniversario do nacemento de Pablo Iglesias nunha homenaxe na que alertou do auxe das dereitas, nomeadamente daquelas que "nunca soportaron a quen lles demostra que se pode servir o país sen servirse del". "Seguimos en pé, firmes e imprescindíbeis, nas primeiras liñas da loita pola igualdade, polo traballo digno e pola liberdade", reivindicou Besteiro, en referencia tamén ao legado do fundador do PSOE e da UXT, recoñecido nun acto conmemorativo a nivel estatal durante o cal se descubriu unha recreación da antiga placa en memoria de Pablo Iglesias destruída polos golpistas en 1936.
Na súa intervención, Besteiro destacou que en Ferrol comezaron a escribirse "as páxinas máis luminosas da historia progresista do país", da man dun "fillo da pobreza" que tivo "a valentía de soñar cun país máis xusto, máis igualitario, máis libre, máis feminista", gabou.
Besteiro asegurou que Pablo Iglesias demostrou que o camiño para cambiar as cousas é o socialismo, "e por iso o atacaron", sinalou. "Cando o Partido Socialista avanza, a desigualdade retrocede, e por iso nos atacan, por iso nos difaman: por medo", reflexionou tras advertir do auxe actual das dereitas máis reaccionarias. "A dereita de sempre" segue "ben viva", dixo, tratando de impor "o seu modelo de intolerancia e odio". Neste sentido, o líder dos socialistas galegos referiuse ao Goberno local de Ferrol e á súa a instalar a placa conmemorativa do fundador do PSOE e a UXT no lugar que merece.
Acompañado da secretaria de Organización do PSOE, Rebeca Torró, entre outros líderes socialistas, Besteiro celebrou tamén "con orgullo" que o Goberno español vaia recoñecer Ferrol, como "o berce da liberdade e da loita obreira".
Combater as mentiras
Pola súa parte, o secretario Xeral da UXT, Pepe Álvarez, reivindicou a vixencia dos principios de Pablo Iglesias e insistiu en que "mentres haxa explotación, mentres haxa desigualdade, o soño de Pablo Iglesias perdurará". O líder sindical fixo un chamamento a continuar o traballo do fundador "para combater moitas mentiras que están agora mesmo creando unha parte política".