Besteiro non desbota que imputad@s por corrupción podan integrar as candidaturas do PSdeG

Ramón Gómez Besteiro

Decidirano @s militantes nas primarias. Os únicos dirixentes non elixíbeis son aqueles que senten no banco de acusados.

 

Non hai ningún tipo de limitación estatutaria para os imputados por corrupción se candidataren dentro das eleccións primarias, así que poderían integrar as listaxes do PSdeG-PSOE se dese xeito o decidise a militancia. Nestes termos pronunciouse o secretario xeral da formación socialista galega, José Ramón Gómez Besteiro, no curso dunha entrevista coa SER na Galiza.

En realidade, Besteiro non se pronunciou sobre se é conveniente ou non optar por unha persoa imputada nun proceso de primarias. Delegou a decisión na militancia. Dixo que os afiliados "valorarán se iso [candidatar imputados] é "bon ou mao para o partido".

"Os militantes poderán valorar entre un imputado ou non e non se van equivocar sobre o que lle interesa ao partido e á cidadanía", dixo.

Besteiro enfatiza que apenas leva 6 meses como novo secretario xeral do partido e que, por tanto, as europeas non poden ser vistas como un referendo sobre o seu labor

Besteiro aproveitou para atacar a Feijóo sobre esta cuestión, argumentando que o presidente da Xunta "cambia de criterio dependendo de a quen afecta a situación".

Eleccións europeas

O líder da formación socialista galega tamén foi inquirido a respeito das eleccións ao Parlamento europeu. Tomou distancias [os inquéritos non lle son nada favorábeis] e dixo que "non son un referendo ao novo secretario do PSdeG".

É máis: enfatizou que a nova dirección e o novo secretario xeral do partido, isto é, el proprio, apenas levan 6 meses no cargo, polo que considerou que é "cedo" para avaliar o seu traballo.