Besteiro insta o PP a pedir "perdón" tras o arquivo da 'Operación Polbo'
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esixiu onte desculpas ao PP tras o arquivo da última peza da 'Operación Polbo', que investigaba a suposta adxudicación ilícita dunha praza e malversación de fondos públicos en programas da Deputación de Lugo. "Feixoo e Rueda, que eran responsábeis da organización deste partido nese momento, deben pedir perdón e asumir responsabilidades políticas", aseverou.
A preguntas dos medios onte en rolda de prensa, o líder dos socialistas galegos insistiu en que a actual presidenta do PP de Lugo, Elena Candia, foi quen transmitiu a mensaxe anónima que deu inicio a esa instrución.
Así mesmo, preguntado polas palabras da xuíza que iniciou o proceso, Pilar de Lara, que en publicacións en Facebook reprochou as críticas do PSdeG sobre o seu labor xudicial nesta causa, Besteiro afirmou que o "único" que ten que dicir sobre a maxistrada é "o que o Consello Xeral do Poder Xudicial decidiu cando foi sancionada". "A única sancionada e condenada foi Pilar de Lara", subliñou. "Neste caso, engadiu, xuntáronse a fame coas ganas para comer", manifestou en referencia ao PP e á xuíza.
Vivenda
Por outra parte, Besteiro advertiu onte dunha "nova ofensiva do PP" contra as políticas de vivenda do Goberno español, nesta ocasión no Senado. "Que fará Rueda ante ese novo intento do PP? Defenderá os intereses de Galiza ou manterá como reféns da estratexia destrutiva de Rueda, ou mellor dito, do seu seguidismo cego a Feixoo, a milleiros de familias galegas que necesitan unha vivenda accesíbel?", preguntouse.
En relación ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, sinalou que "se quere que alguén crea que está á altura do cargo que ocupa, ten que pórse a traballar polos intereses da xente na Galiza". Alén diso, apostou por "fomentar a declaración de zonas tensionadas onde é necesario e onde é demandado", así como por "axilizar o bono do alugueiro".