Besteiro exixe á Xunta unirse ao plan estatal de vivenda e pide a Rueda que deixe "o bloqueo imposto por Feixoo"

Salvador Illa e José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Nós Diario)

O líder dos socialistas galegos afirma que a súa visita a Catalunya serviu para "reforzar a alianza estratéxica" entre PSdeG e PSC.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, exixiu ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que "abandone o bloqueo imposto por Feixoo ás comunidades autónomas" e siga o exemplo de Catalunya, que se sumou ao Plan de Vivenda do Goberno español. "Debe actuar como un presidente libre e estar á altura do maior problema que angustia os galegos e as galegas", asegurou esta sexta feira durante a súa visita a Barcelona.

Alí, o tamén portavoz do Grupo Socialista desenvolveu estes días unha axenda política e institucional onde, entre outras reunións, mantivo un encontro co presidente da Generalitat, Salvador Illa. Entre os temas abordados, sinalou o PSdeG nunha nota de prensa, figuran a crise habitacional e o avance da ultradereita. "Son problemas que están entre as principais preocupacións dos socialistas porque tamén están entre as da cidadanía, xa que afectan os dereitos básicos", manifestou Besteiro.

Sobre vivenda, o líder do PSdeG advertiu de que "a regulación do alugueiro, a promoción pública de vivenda protexida para sempre e o control da especulación son deberes dunhas institucións democráticas fortes, que ven ameazadas cando se deixa só en mans do mercado o acceso a un ben esencial".

PSdeG-PSC

Aliás, o PSdeG destacou que a visita de Besteiro a Catalunya tamén serviu para "reforzar a alianza estratéxica" entre os socialistas galegos e os cataláns. Tal e como apuntaron, esta púxose en marcha durante a visita de Illa a Galiza a través dun grupo de traballo entre ambas as organizacións.

O obxectivo, expuxo, é pór en valor "un modelo de país compartido". Dentro dese marco de colaboración entre ambas as formacións, o secretario xeral do PSdeG visitou o Parlamento de Catalunya para coñecer a actividade que leva a cabo o Grupo do PSC na Cámara catalá.

Durante a mañá, José Ramón Gómez Besteiro mantivo varias reunións tanto coa dirección do grupo como con deputados e deputadas. Un dos asuntos que trataron foi a promoción dos idiomas propios, onde o deputado do PSdeG destacou o traballo do Goberno español pola oficialidade do galego e o catalán na UE.

Abordaron tamén o escenario de "compracencia e complicidade" da dereita coa ultradereita. "O PP compra o discurso de Vox por intereses electoralistas e o que fai é darlle ás", aseverou.