Besteiro desbota a súa dimisión malia as crecentes críticas á xestión do caso Tomé: "Dimitir ten que dimitir o que acosa"

Besteiro, na rolda de prensa. [Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press]

Ao redor das 15 horas, acrecentábanse os rumores ao redor do futuro de José Ramón Gómez Besteiro á fronte da Secretaría Xeral do PSdeG, ao recibiren as redaccións dos medios de comunicación unha convocatoria de prensa urxente do tamén portavoz parlamentario socialista, que na comparecencia pública defendeu a xestión no caso das acusacións de acoso sexual de José Tomé.

Na súa comparecencia ante os medios, pasadas as 16.30 horas, José Ramón Besteiro, secretario xeral do PSdeG, defendeu a xestión das acusacións de acoso sexual por parte da formación socialista. Unha xestión, salientou, marcada pola "rapidez e a contundencia".

Besteiro comezou a súa intervención aludindo á denuncia coñecida na mañá do martes dunha militante socialista do Concello de Barbadás (comarca de Ourense) por un presunto caso de acoso laboral contra o rexedor da localidade, Xosé Carlos Valcárcel Doval, por medio da canle interna habilitada polo PSOE para advertir de condutas machistas no partido.

Besteiro sinalou que en canto "tivemos coñecemento da denuncia, activamos o protocolo" contra o acoso e asegurou que soubo deste caso "onte pola noite". Informou ao respecto que o aparato provincial do partido vai reunirse na tarde do martes co fin de depurar as responsabilidades necesarias "para chegar ao final, como fixemos en Lugo", sinalou, en relación ao "caso Tomé".

O secretario xeral do PSdeG exixiu a Valcárcel Doval a devolución das súas actas como alcalde e deputado provincial e adiantou a suspensión da súa militancia.

Críticas no partido

Preguntado polo manifesto crítico coa dirección do PSdeG pola xestión das acusacións de acoso sexual, Besteiro afirmou que respecta "moitísimo" o documento e a "liberdade de expresión" e chegou a admitir que comparte gran parte do asinado por alcaldesas socialistas encabezadas pola rexedora coruñesa, Inés Rei.

Foi entón cando fixo fincapé en que "desde que tivemos coñecemento da denuncia na canle do partido fronte o acoso, actuamos con prudencia e rapidez" e insistiu no coidado en non ofrecer detalles que poidan pór no foco a vítima. "Queremos desviar a atención da vítima", repetiu en varias ocasións ao longo dunha rolda de prensa na que se ratificou no anteriormente apuntado: "Coñecín un dos casos por unha terceira persoa".

En alusións ás crecentes críticas na formación que dirixe, Besteiro dixo respectar "todas as opinións" e defendeu que a súa dirección actuou "coa máxima celeridade" e cumprindo "o protocolo contra o acoso de maneira escrupulosa". Engadiu a respecto de Tomé que "estaba fóra do partido en menos de 24 horas".

Preguntado por se pensa dimitir dada a situación interna do PSdeG, desbotouno. Fíxoo pondo no albo, de novo, o dimitido presidente da Deputación de Lugo: "Dimitir ten que dimitir o que acosa". No PSOE, salientou, "o acoso ten tolerancia cero" e "é o único [partido] que actúa con rapidez".

Reunión de urxencia en Ourense

Pouco antes de dar comezo a rolda de prensa de urxencia convocada por Besteiro na sede parlamentaria do grupo socialista, a Executiva Provincial do PSdeG de Ourense anunciaba, vía nota de prensa, unha reunión para a tarde do martes co fin de "abordar de urxencia unha denuncia por acoso presentada a través da canle interna do partido" contra o alcalde de Barbadás e deputado provincial. Unha xuntanza que terá lugar a partir das 20 horas e que decorrerá "a porta fechada" mais da que se coñecerán as conclusións e resolucións nunha rolda de prensa, o mércores, ás 10.30 horas, na sede do PSOE de Ourense.

Segundo o comunicado, o secretario provincial socialista, Álvaro Vila, convocou a reunión da Executiva Provincial tras ter coñecemento da denuncia. "A organización provincial actuará con toda a celeridade e rigor que require unha situación desta natureza, seguindo escrupulosamente os procedementos e protocolos establecidos polo PSdeG", recolle o documento, seguindo o argumentario expresado por Besteiro na rolda de prensa da tarde.

"A gravidade da situación require unha actuación dilixente, rigorosa e sempre axustada aos mecanismos que o partido ten estabelecidos para estes supostos", acrecenta a nota de prensa, que tamén insiste en "garantir a integridade do proceso e os dereitos das persoas implicadas". "A organización provincial mantén o seu compromiso inquebrantábel coa defensa das vítimas e coa aplicación estrita dos protocolos internos", agrega.