Besteiro cualifica de "profundamente decepcionantes" os orzamentos da Xunta: "Non son os que Galiza necesita"
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cualificou este sábado de "profundamente decepcionantes" os orzamentos da Xunta da Galiza para 2025 e criticou que "non son" os que o país necesita nestes momentos.
"A primeira visión rápida é que son uns orzamentos profundamente decepcionantes, é dicir, estes poden ser os orzamentos que ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, gusten e interesen, pero desde logo non son os orzamentos que Galiza necesita neste momento", criticou Besteiro desde Caldas de Reis (comarca de Caldas), onde participa nos actos con motivo dos 45 anos de Alcaldía socialista neste municipio.
A continuación, fixo referencia á partida destinada en materia de sanidade e lamentou que "non crece" en atención hospitalaria e atención primaria "o que debería para combater a perda de servizos" na Galiza. En materia de vivenda, continuou, "tiveron que pasar dous presidentes e case catro lexislaturas" para que "haxa un orzamento parecido ao que deixou o último Goberno socialista", e mesmo agora "reducen partidas como a destinada á rehabilitación de vivendas".
"A débeda crece, xa pasa por riba de 10% do orzamento e é a débeda que Rueda non quere que lle condonen nin que se baixe, porque parece que estamos sobrados de ingresos e investimentos", afeou o socialista.
Tamén fixo referencia ao financiamento local, que, en palabras de Besteiro, "volve ser o gran prexudicado" e o que "van pagar todos os galegos". "Todos os servizos que pagamos van aser incrementados por unhas partidas que, efectivamente, non contemplan un financiamento necesario", esgrimiu.
"Máis débeda, peor financiamento tamén para todos os galegos e déficit nos servizos fundamentais e básicos: a vivenda, a sanidade e a educación", apuntou Besteiro.
Unhas contas públicas "decepcionantes" que confirman que Galiza "segue crecendo menos" que o resto do Estado e, por tanto, as previsións para 2025 son "peores que as deste ano" e os propios orzamentos "non van ser" un medio necesario para catalizar e aproveitar as oportunidades de desenvolvemento que hai a nivel estatal, dixo.