Besteiro critica que os orzamentos da Xunta para 2026 crecen por baixo do IPC e fican "sen executar"
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou este sábado desde Mondoñedo "a xa tradicional e lamentábel falta de respecto ás institucións" que vén mostrando ano tras ano o Goberno do PP en relación cos Presupostos da Xunta da Galiza, ao comezar a "descubrir polos medios de comunicación as intencións de Rueda" cuns Orzamentos que aínda non foron presentados no Parlamento e cuxo contido descoñecen aínda os grupos políticos da oposición.
Mais "xa podemos intuír por onde van os tiros", cunhas contas que van conter unha partida similar á do anterior exercicio para amortizar débeda, arredor de 1.700 millóns de euros, prognosticou. "Pero Rueda négase a que o Estado lle perdoe a Galicz 4.010 millóns. Simplemente, magnífico", apostilou.
Besterio destacou que os orzamentos "medran por baixo do IPC e do crecemento da economía", algo que se traduce nunha baixada real. "De que valen [os orzamentos] se os investimentos caen en vez de aumentar e se, por riba, despois nunca os executa, especialmente no que se refire a gasto social, ao que máis lle afecta á xente?", cuestionou o líder socialista.
Recoñecemento para a festa das San Lucas
Besteiro fixo esas declaracións durante a feira das San Lucas, á que acudiu na compaña do secretario provincial do PSdeG e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e outros cargos socialistas galegos, especialmente da comarca. Alí reclamoulle ao Concello que se poña a traballar en serio para lograr a declaración de festa de interese turístico estatal "que debería ter xa" a que, lembrou, é "a feira máis antiga de España e de Europa".
"Son moito máis que unhas festas, son parte viva da historia da Galiza e símbolo da nosa identidade rural", afirmou sobre un evento próximo a cumprir 870 anos de antigüidade. "É o momento de darlles o recoñecemento que merecen", concluíu.