Besteiro chama o PSdeG a "alcanzar velocidade de cruceiro" de cara ás eleccións municipais
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo un chamamento á unidade e ao impulso político durante a súa intervención no comité da formación en Lugo. Subliñou que o partido entra nun novo ciclo no que "é imprescindíbel alcanzar velocidade de cruceiro e activar ao máximo os proxectos municipais, en contraste cun Partido Popular que só aparece para a foto".
Besteiro lembrou que este é o primeiro comité tras o proceso de primarias no PSdeG de Lugo, un proceso "no que a militancia se expresou democraticamente e no que agora corresponde demostrar unidade total". Recordou que "os grandes avances do socialismo en Lugo -como o histórico acceso á Deputación hai 20 anos ou a consolidación dun proxecto estábel-, foron froito dun traballo colectivo e continuado". "Da unidade nacen os proxectos fortes e medran os proxectos que perduran", dixo.
O líder socialista puxo en valor a responsabilidade que exerce o PSdeG nos concellos, onde "os alcaldes e alcaldesas socialistas xestionan os intereses de máis do 60% da poboación". "Temos moitos exemplos de boa xestión municipal, con concellos pequenos que fan un traballo admirábel cada día e cidades que avanzan con proxectos solventes, e debemos presumir do que facemos porque é o mellor aval ante a cidadanía", sinalou.
Crítica ao abandono do PP e ao proxecto de Altri
Besteiro manifestou o seu rexeitamento á celulosa de Altri, que definiu como un "proxecto absolutamente fallido". Lembrou que non conta con garantías ambientais nin económicas, que non dispón das axudas comunitarias prometidas e que carece da conexión eléctrica necesaria. "Lugo non queda desenchufado. Quen queda desenchufado é Altri, un proxecto que non é bo nin para a economía do país", concluíu.
Unidade, proxecto político e resposta fronte á dereita
Besteiro explicou que a dereita pretende desgastar o PSOE con ataques persoais porque non soporta que un Goberno socialista faga avanzar o Estado español. "Crecemos máis que a Unión Europea, repartimos mellor a riqueza e protexemos ás persoas cando hai crises. Ese é o modelo que funciona e o que lles incomoda", explicou.
Apelou tamén á forza da historia socialista e aos retos presentes, entre os que citou consolidar a educación e a sanidade públicas, reforzar a dependencia, impulsar a vivenda pública e garantir a mobilidade como dereito. "Somos un partido con 146 anos de historia -un partido que sempre estivo aí- e tocounos levantar este país moitas veces. Témolo que seguir facendo”, afirmou.
O secretario xeral do PSdeG reclamou "traballo diario de cara ás municipais de 2027". "Onde gobernamos debemos demostrar utilidade. Onde non gobernamos temos que explicar con claridade o noso proxecto. Unidos somos unha forza enorme", concluíu.