Besteiro chama a defender a solidariedade e a diversidade fronte ao odio no pregón do San Froilán de Barcelona
O líder do PSdeG destacou os "lazos inquebrantábeis" entre Galiza e Catalunya e reivindicou as linguas como "ferramentas de convivencia".
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, foi o encargado de ler o pregón das festas do San Froilán de Barcelona, celebrado no Nou Barris, onde apelou a defender "a solidariedade e a diversidade fronte ao odio e á división".
O líder socialista reivindicou as linguas cooficiais como "ferramentas de convivencia" e puxo en valor os "lazos inquebrantábeis de Lugo e de toda Galiza con Catalunya", unha referencia de pluralidade, acollemento e comprensión”.
Besteiro lembrou a iniciativa impulsada polo PSOE —que el mesmo defendeu no Congreso— para regularizar o uso do galego, euskera e catalán nas Cortes, e celebrou que hoxe "sexan utilizados con total normalidade". Afirmou que o Estado español é "un país diverso que posúe unha riqueza enorme na súa variedade, e que a vive con máis normalidade do que ás veces se quere contar", nun tempo "no que semella máis doado odiar que darse a man".
O secretario xeral do PSdeG defendeu "a forza da igualdade e da cooperación fronte aos que levantan muros fronte ao diferente, aos que alimentan o odio ou intentan dividirnos ou enfrontarnos", e puxo en valor os vínculos entre Galiza, Lugo e Catalunya, así como a tradición do San Froilán que a comunidade galega mantén viva en Barcelona a través das asociacións Xuntanza de Catalunya e Amigos de San Froilán.
Besteiro definiu esta festa como "unha fermosa maneira de irmandarse" e de manter vivos os vínculos dunha numerosa comunidade galega que, dixo, "sempre levamos Galiza con nós alá onde vaiamos". "A alegría non entende de fronteiras", engadiu, destacando que en Barcelona "respírase moita Galiza".
O portavoz do grupo parlamentario socialista expresou tamén "o enorme afecto que temos desde moitísimas partes de España por Catalunya", un sentimento, afirmou, testemuñado por xeracións de galegos e galegas que "atoparon aquí un lugar para vivir, traballar e formar parte dunha sociedade que constantemente busca avanzar".
Besteiro fechou o pregón celebrando "os lazos inquebrantábeis entre Galiza e Catalunya", que representan "os vencellos entre moitos pobos de España, cada día máis fortes porque hai xente que os mantén vivos".