Beiras e o secretario xeral do SAT andaluz súmanse á petición de que se arquive a ‘Operación Jaro’

O manifesto Abrolhar supera xa as 500 adhesións a pouco máis dunha semana da manifestación que o vindeiro 23 deste mes terá lugar en Compostela.

Xosé Manuel Beiras e Óscar Reina, secretario xeral do Sindicato Andaluz de Trabajadores (SAT) únense á petición de que se arquive a causa que a Audiencia Nacional mantén aberta contra os 9 independentistas detidos a finais de 2015 na ‘Operación Jaro’. Ambos os dous veñen de asinar o Manifesto Abrolhar, que xa supera as 500 adhesións, documento que se fixo público a finais do pasado mes de marzo e no que se exixe o arquivo definitivo da causa penal aberta a nove independentistas  “no tribunal sucessor do TOP da ditadura”, en referencia á Audiencia Nacional.

As persoas asinantes rexeitan “a montagem policial e judicial iniciada em 2015 contra umha organizaçom política e a sua militáncia” coa finalidade de “criminalizar e minorizar um posicionamento político” como o independentismo. Tamén se reclama das autoridades españolas “o cessamento unilateral e imediato deste tipo de operativos” contra o independentismo e, por último, as persoas asinantes chaman a se sumar á manifestación que decorrerá en Compostela o vindeiro 23 de abril convocada polas nove persoas encausadas na ‘Operación Jaro’.

Máis apoios

Nos últimos días asinaron o ‘Manifesto Abrolhar’ o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo; ou o coordenador da Área de Organización do BNG, Bieito Lobeira, entre outros, que se sumaban así ás voces de diferentes ámbitos (políticos, culturais, sociais ou sindicais) que fan parte do manifesto.