Beiras desaconsella levar unha proposta soberanista a un Parlamento, dada a maioría absoluta do PP
O portavoz parlamentar de AGE, Xosé Manuel Beiras, entende que sería "un erro monumental" levar ao Parlamento galego unha declaración soberanista como a aprobada en Catalunya namentres o PP goberne con maioría absoluta.
Así o sinalou Beiras nunha entrevista que concedeu este domingo á Radio galega, conversa en que subliñou que "Galiza non é nin Catalunya nin Euskadi" e fixo unha chamada a "non botar o carro diante dos bois".
Segundo o nacionalista, agora é tempo de "elevar o nivel de conciencia" do conxunto da cidadanía galega ao redor "da súa identidade e dos seus dereitos políticos como pobo". Malia non cadrar "nos postulados dunha estratexia nacionalista independentista", chamou a achegar posturas "con aquelas opcións políticas que asomen a identidade do pobo galego".
Co ollar posto nas eleccións municipais, o líder de AGE non descartou que a coalición, integrada por Anova e Esquerda unida, concorra como tal á cita coas urnas, malia identificar o Parlamento galego como albo da "unidade de acción" desta organización política cuxas portas, como xa sinalou noutras ocasións, continúan abertas.
Beiras volveu convidar ao BNG a "reflexionar" e apuntou directamente cara unha das correntes que se integran na formación frontista: "Máis Galiza, ou polo menos as súas bases, deberían entrar", razoou, citando tamén "os sectores que non están conformes co PSOE como Esquerda Socialista" para convidalos a se sumaren a AGE.