“Bautista nunca desfaleceu e nunca deixou de acreditar no país”
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, e Néstor Rego, secretario xeral da UPG, xunto a ducias de militantes e veciñas e veciños renderon esta tarde homenaxe a Bautista Álvarez, o histórico líder nacionalista falecido onte, nun acto en San Cibrao de Las no concello ourensán de San Amaro. “Necesitamos moitos Bautistas, moitas persoas coa súa paixón por Galiza”, dixo Ana Pontón na despedida dun “amigo, un compañeiro, un camarada, un loitador incansábel pola liberdade de Galiza”.
“Amigo Bautista, continuaremos co traballo de facer de Galiza un país normal”, dixo Francisco Rodríguez, compañeiro durante catro décadas na loita que Bautista Álvarez iniciara coa Unión do Povo Galego (UPG) a mediados dos sesenta e que tres lustros despois levou tres nacionalistas ao Parlamento galego, e máis tarde o propio Francisco Rodríguez para compartir esforzos nun camiño que Bautista Álvarez sempre tivo claro até o presente.
Ana Pontón confesou no seu discurso que coñecera a Bautista “cando eu militaba en Galiza Nova, e alí estaba el sempre que o precisabamos, en todas e cada unha das asembleas”. “Bautista foi o home clave para que hoxe exista o BNG”, subliñou a portavoz nacional, e engadiu: “traballou como o que máis e puxo toda a súa intelixencia e paixón ao servizo deste proxecto, nunca desfaleceu e nunca deixou de acreditar no país”.
Pontón tamén se referiu “ao activismo, ás firmes conviccións e a faceta como pensador” do homenaxeado para dicir que “necesitamos moitos Bautistas, moitas persoas coa súa paixón por Galiza. El sabía que había que romper coa dependencia e recuperar estima e autoestima colectiva”.
Unhas horas antes do enterro, o acto político de homenaxe a Bautista Álvarez reuniu líderes do BNG, da UPG e do sindicalismo nacionalista, vellos amigos do finado como Lois Diéguez, co que compartiu aqueles días no primeiro parlamento galego despois da ditadura, compañeiros de varias xeracións como Chema Ferreiro, Montse Nóvoa, Rubén Cela ou o actual secretario xeral da UPG, Néstor Rego, militantes nacionalistas que como lembrara onte Francisco Rodríguez teñen “fonda admiración e respecto pola figura política e humana de Bautista Álvarez”.
“As persoas que entregan a súa vida a unha causa non morren nunca”, dixo Rego, “e Bautista acompañaranos sempre até acadar o obxectivo da República galega”.