Barómetro do CIS | O PP recorta a distancia co PSOE, que repite na cabeza, mentres que o BNG sobe dúas décimas

Pedro Sánchez, o 29 de abril no Palacio da Moncloa. (Foto: Diego Radamés / Europa Press)
O PSOE repite en primeiro lugar cunha estimación de voto de 32%, mentres que o PP sobe até 29,3% despois de marcar o seu peor dato o mes anterior. Pola súa parte, o BNG sobe dúas décimas con respecto ao anterior barómetro, alcanzando 1% dos sufraxios estatais.

O barómero do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) do mes de maio, realizado poucos días despois do apagamento xeral que sufriu a península Ibérica o 28 de abril, mantén ao PSOE á cabeza nunhas potenciais eleccións estatais a pesar de perder seis décimas, polo que recorta a 2,7 puntos a diferenza co PP, que sobe tres puntos.

Así, o PSOE repite en primeiro lugar cunha estimación de voto de 32%, mentres que o PP sobe até 29,3% despois de marcar o seu peor dato o mes anterior. A terceira praza segue en mans de Vox, a pesar de que cae un punto e medio e agora anota 13,7% dos votos. Segue lonxe Sumar, con 6,1%, e Podemos, con 4,3%.

Pola súa parte, o BNG sobe dúas décimas con respecto ao anterior barómetro, alcanzando 1% dos sufraxios estatais. Unha porcentaxe de voto que supón un incremento de catro décimas a respecto do 0.6% que o nacionalismo galego obteu nas últimas eleccións xerais, en 2023.

Segundo este barómetro, ERC obtería 1,6% do voto (cae unha décima respecto a abril), Junts mantería  1,1%; e entre os partidos vascos, o PNV sobe catro décimas nun só mes (1,1%), de modo que volve adiantar un EH Bildu que cae dúas décimas (0,8%).

Sánchez segue sendo o preferido como presidente do Goberno para 25,4% dos enquisados, mentres que Núñez Feixoo só o é para 10,2%, aínda que hai un maioritario 27% que contesta "ningún deles" ao preguntarlle polos principais líderes políticos.

Idade para votar

79,3% das persoas enquisadas rexeita a proposta de rebaixar a idade de voto dos 18 aos 16 anos, unha proposta na que está a traballar o Gobernoestatal  e que conta co apoio doutros socios parlamentarios da esquerda.

A institución que preside José Félix Tezanos inclúe unha pregunta específica sobre esta cuestión, e case oito de cada dez cidadáns afirman estar "en desacordo ou moi en desacordo" con esta idea, que só apoia un 18,4%, que di estar "moi de acordo ou de acordo" en reducir a idade para exercer o sufraxio.