Augas da Galiza encarga por uns 266.000 euros a revisión dos mapas de perigo e risco de inundación
Esta licitación coincide no tempo coa xestión da catástrofe do País Valencià, pero enmárcase nun traballo “activado hai meses”.
Augas da Galiza acaba de encargar por uns 266.000 euros a revisión dos mapas de perigo e risco de inundación nas áreas con risco potencial e significativo do país para o ciclo 2028-2033. Este encargo, que coincide no tempo coa xestión da catástrofe do País Valencià pola DINA, enmárcase na actualización do plan de xestión de risco de inundacións, posto en marcha hai meses pola Xunta da Galiza.
A resolución de aprobación do expediente de contratación, en réxime de tramitación anticipada do gasto, consta como asinada dixitalmente polo director de Augas da Galiza, Roi Fernández, a pasada terza feira, 29 de outubro, ás 22.28 horas. En concreto, o servizo que se encarga está dirixido a revisar os mapas e tamén á xeración de cartografía de inundabilidade en tramos de menor risco da demarcación hidrográfica da Galiza Costa.
Así o recolle a web de contratos públicos da Galiza. A través dela, o ente público empresarial saca este servizo de apoio técnico, en concreto por 266.436,43 euros.
Na propia memoria, Augas explica que a execución da prestación obxecto do contrato "céntrase na revisión e actualización para o novo ciclo 2028-2033 da segunda fase de implantación da directiva" comunitaria. O prazo de execución do contrato, segundo especifica, será de 12 meses.
Tres meses de consulta pública
O pasado 7 de agosto, Augas da Galiza abriu o período de consulta pública —por tres meses— do borrador da revisión e actualización do estudo preliminar do risco de inundación da demarcación hidrográfica da Galiza Costa.
Fontes da Consellería de Medio Ambiente consultadas precisan que de momento fíxose isto último, a avaliación preliminar do risco de inundación, e conclúe esta semana o prazo de tres meses de consulta.
O que se licitou esta segunda feira é a elaboración dos mapas de perigo e risco de inundación, para a continuación elaborarse o Plan de xestión de risco de inundación. Cada fase ten tres meses de consulta pública, tal e como resaltan as fontes do departamento galego.