Até 431 áreas con risco e unha extensión total de 1.200 quilómetros: esta é a distribución do perigo de inundacións na Galiza

Risco de inundación por concellos. (Fonte: Inungal / Mapa: Nós Diario)
Aínda que non é probábel que unha DINA deixe unhas consecuencias tan extremas na Galiza como as que se están observando no País Valencià, o territorio galego si padece perigo por outros fenómenos meteorolóxicos: máis de 56% dos concellos están en áreas con risco potencial de inundación. Padrón, Valga, Pontecesures, Catoira, Dodro e Rianxo padecen o maior perigo polas choivas.

Galiza conta no seu territorio con 431 áreas con risco potencial significativo de inundación (Arpsi), as cales alcanzan unha lonxitude total de 1.199,35 quilómetros (km), segundo os datos da última actualización do Plan Especial de Protección Civil ante o Risco de Inundacións na Galiza (Inungal), que foi aprobada esta mesma semana. A meirande parte das Arpsi da Galiza atópanse na demarcación Galiza-Costa, onde suman un total de 201 e alcanzan unha lonxitude total de 708,7 km. Neste territorio, 170 Arpsi están en áreas fluviais –cunha lonxitude total de 547,93 km– e 31 en zonas marítimas –que alcanzan un total de 160,77 km–.

Pola súa parte, a demarcación hidrográfica Miño-Sil é a seguinte con máis áreas con risco de inundación, tanto en números absolutos como con respecto á súa extensión, cun total de 200 Arpsi, todas en zonas fluviais, as cales alcanzan unha lonxitude de 475,59 km. 

Risco de inundación por concellos. (Fonte: Inungal / Mapa: Nós Diario)

Ademais, na zona galega da demarcación hidrográfica do Cantábrico hai un total de catro Arpsi que ocupan unha extensión de 6,71 km, mentres que no territorio da Galiza inxerido na demarcación do Douro existe unha destas áreas cunha lonxitude de 6,66 km.

As localidades que teñen alto risco ou alto perigo

Dos 313 municipios nos que se divide Galiza, até 170, máis da metade (56,1%), teñen un risco potencial significativo de inundación. Neste sentido, hai seis concellos cunha catalogación de perigo global e risco global alto e que, polo tanto, teñen a obriga de desenvolver un plan de actuación municipal ante as inundacións. Trátase das localidades afectadas pola área dos ríos Ulla e Sar, máis en concreto Padrón, Valga, Pontecesures, Catoira, Dodro e Rianxo.

As áreas entre os ríos Ulla e Sar teñen risco e perigo alto por inundacións

Os concellos con zonas cun perigo medio ou baixo mais cun risco alto tamén están obrigados a desenvolver un plan de actuación municipal ante as inundacións. Neste caso, son aqueles municipios que contan con áreas cunha cantidade importante de poboación ou con actividades económicas importantes localizadas nunha zona inundábel, polo que aínda que o perigo derivado de que haxa unha inundación neses lugares non sexa alto –en termos de superficie inundada ou de tempo de resposta–, o risco no caso de producirse si o é. Falamos da Rúa, Barbadas, Beade, Cabana, Caldas de Reis, Cambados, Cambre, Carballeda de Avia, Cenlle, Culleredo, Leiro, Lugo, Monterrei, O Barco, Ourense, Ponteceso, Portas, Ribadavia, Ribadumia, Sarria, Verín, Vigo, Vilamartín, Vilanova de Arousa, Vimianzo, Xinzo de Limia e Zas.

As localidades con zonas cun perigo alto mais cun risco medio ou baixo tamén teñen a obriga de desenvolver un plan de actuación municipal. Son aquelas que teñen áreas cun perigo alto derivado das inundacións –pola pouca capacidade de reacción ou a grande extensión afectada–, mais cuxas características implican que o risco para estas zonas inundábeis non sexa demasiado elevado. Son A Coruña, A Pontenova, As Nogais, Baiona, Camariñas, Cambre, Cervo, Culleredo, Gondomar, Laxe, Navia de Suarna, Nigrán, Oleiros, Riotorto, Viveiro e Xove.

Algúns concellos deberán realizar plans municipais de actuación

Outra serie de concellos, en base aos niveis de risco e perigo nas súas zonas inundábeis, tamén teñen a recomendación de desenvolver plans de actuacións municipal, mais non a obriga. É o caso de Arteixo, Alfoz, Allariz, Bergondo, Betanzos, Brión, Burela, Barro, Bueu, Baños de Molgas, Carballo, Cariño, Carnota, Cedeira, Cee, Cerdido, Coirós, Castro de Rei, Cospeito, Cangas, Cuntis, Fene, Foz, Lourenzá, Malpica, Muros, Mondoñedo, Monforte, Mos, Narón, Neda, Ordes, O Porriño, Oia, Paderne, Ponteareas, Ribeira, Rois, Ribadeo, Redondela, Sada, Tomiño, Tui, Vilaboa e Valdoviño. Por outra parte, 42 municipios máis teñen cualificación de risco e perigo medio ou baixo, mais non teñen recomendación de acometer un plan de actuación municipal, mentres que outras 38 localidades teñen risco ou perigo potencial de inundacións, aínda que moi baixo.

Fenómenos extremos

A meteoróloga Ana Lage, de Meteogaliza, con respecto á formación de fenómenos extremos na Galiza, explica o que se pode dar a nivel galego son "situacións meteorolóxicas adversas" por pasos de frontes asociadas a borrascas profundas que, "xeralmente veñen polo Atlántico e sitúanse no suroeste de Irlanda". Deste modo, as frontes "moi activas" dan lugar a situacións adversas con choivas e ventos, xa que na Galiza é "habitual" que, de xerarse unha situación adversa con choiva, primeiro se produza con vento. Outra posibilidade son as cicloxéneses explosivas, borrascas que profundan "rapidamente" e xeran "ventos moi fortes e choivas abundantes". Así mesmo, destaca a posibilidade de que se xeren outras situacións como a chegada do ex furacán Kirk hai unhas semanas ou inundacións provocadas por ríos atmosféricos –grandes humidades que se moven pola atmosfera até rematar en fortes precipitacións–.

A DINA non é unha ameaza importante para Galiza

A meteoróloga Ana Lage, de Meteogaliza, afirma que, á marxe dos fenómenos meteorolóxicos que si poderían ter unha importante afectación na Galiza, "non se dan os condicionantes necesarios" para unha depresión illada en niveis altos da atmosfera (DINA) con descargas "do calibre" das que aconteceron esta semana en diversos puntos do sur e do leste da península Ibérica, especialmente no País Valencià.

Segundo detalla, unha DINA é unha bolsa de aire frío en capas altas e cunhas características "peculiares" que poden dar lugar a precipitacións intensas e fortes. "Para rexistrar estas choivas [como resultado dunha DINA] no Mediterráneo danse varios factores. Un é a temperatura da auga do mar, xa que trae consigo unha evaporación continua e a posibilidade de formación de nubes que poden dar lugar a choivas moi intensas, saraiba e, se non hai máis remedio, tornados", subliña.

Si hai risco de tornados

Con respecto á posíbel formación de tornados en Catalunya, sinala que a xeración destes fenómenos vén asociada a unha "alta inestabilidade atmosférica", polo que na Galiza poderían darse nalgún momento. Porén, destaca que a nivel galego hai maior posibilidade de que a orografía e as árbores freasen os tornados.