A Audiencia de Pontevedra confirma a condena ao alcalde de Dozón

O alcalde de Dozón, Adolfo Campos. (Foto: Deputación de Pontevedra)
Campos segue condenado por delito contra os dereitos dos traballadores e homicidio imprudente, aínda que pode presentar agora recurso de casación diante do Supremo.

A Audiencia Provincial de Pontevedra desestimou parcialmente o recurso presentado polo alcalde de Dozón (O Deza), Adolfo Campos (PP), á sentenza do Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra que o condenou como conselleiro delegado da sociedade Industrias Frigoríficas do Deza SL (Frigodeza).

A sentenza condenábao por un delito contra os dereitos dos traballadores e das traballadoras e outro por homicidio imprudente, logo dun accidente laboral no matadoiro de Botos, en Lalín (O Deza) no ano 2020 no que faleceu un operario dunha empresa externa nas instalacións de Frigodeza.

Campos recorreu a sentenza condenatoria diante da Audiencia Provincial, que vén de ratificar os delitos polos que foi condenado e estimou parcialmente o seu recurso só rebaixando de cinco a tres meses a pena polo delito contra os dereitos dos traballadores, e de un ano e sete meses a un ano no caso do delito de homicidio por imprudencia grave.

Campos segue condenado por estes dous delitos, aínda que pode presentar agora recurso de casación diante do Supremo. Ante desta nova sentenza condenatoria do rexedor, o BNG de Dozón pediu esta cuarta feira ao PP “que lle exixa ao alcalde a dimisión”.

A sentenza "inhabilita" Campos

O responsábel nacionalista local, Mario Vila, lembrou aos populares que “a conduta exemplar que exixen para o resto dos grupos políticos en todos os ámbitos só é críbel se aplican a mesma vara de medir a si mesmos”.

Explican desde o BNG de Dozón que o rexedor está “condenado” en dúas instancias xudiciais e a condena contempla ademais inhabilitación para exercer o dereito ao sufraxio pasivo e para traballar en empresas de sacrificio de animais, algo que “inhabilita” Campos “para exercer o cargo público de alcalde”, sinalan.