Aparecen pintadas con ameazas de morte contra o deputado provincial Uxío Benítez
As mensaxes atopáronse en varias rúas de Tomiño e Goián coincidindo co inicio da campaña electoral. Convocouse unha concentración de repulsa este sábado, ás 18 horas, na praza do Seixo.
As rúas dos municipios pontevedreses de Tomiño e Goián apareceron o primeiro día de campaña con varias pintadas, que conteñen insultos e ameazas de morte, contra o edil de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez. O deputado do BNG denunciou os feitos, que relacionou co conflito laboral aberto no organismo provincial polo persoal do Parque de Maquinaria.
“Algúns cren que con ameazas e insultos poden conseguir algo”, indicou Benítez, que advertiu de que “non hai volta atrás na decisión de tratar a todos por igual, que no parque de maquinaria non vai volver a terse o privilexio de dietas por pernoitas sen xustificar. O caciquismo non vai volver, pinten o que pinten, ameacen o que ameacen”.
"O caciquismo non vai volver, pinten o que pinten, ameacen o que ameacen”, advertiu Benítez.
O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, compareceu esta sexta feira xunto o edil para mostrar a súa oposición contra estas prácticas. “Temos que facer un chamamento, a liberdade de expresión ata o infinito, pero amezas e coaccións é algo moi grave e dirixímonos ao PP e a Comisións para que freen iso”, dixo Mosquera en alusión ás organizacións que están detrás das protestas laborais no ente provincial.
Tanto a Policía Local como a Garda Civil investigan xa os feitos para determinar a autoría das pintadas, realizadas a maioría sobre bens de titularidade pública, mentres que o propio Benítez anunciou que tomaría medidas para garantir a súa seguridade e integridade física.