O ‘apagamento’ da Xunta sobre as súas relacións con lobbies e grupos de presión

Unha proposición de lei do grupo socialista pide ‘luz e taquígrafos’ sobre as relacións destes grupos co goberno galego e advirte que a negativa do PP a dar este paso “sementa dúbidas”. Sobre a mesa, casos como Ence ou a patronal do xogo.

Móvense como peixe na auga entre os resortes do poder, teñen acceso privilexiado aos centros de decisión política, dispoñen de persoal preparado, así como de fondos inxentes, e teñen gran capacidade de influencia. Son unha presenza sen a que non se pode entender a política estadounidense e que así se recolle en múltiples filmes e series. Mais os ‘lobbies’ ou grupos de presión non se limitan a actuar en Estados Unidos. O negocio da presión e da influencia non é algo novo. Xa na Grecia clásica os sofistas ofrecían os seus servizos a persoas interesadas para argumentar a prol dunha ou outra causa. Porén, non é até o S. XIX cando se pode falar do lobby no sentido moderno. Para David Caldevilla, autor de ‘Historia de los Lobbies’, “é un fenómeno intimamente ligado aos réximes parlamentares da era industrial”.

 

O PSdeG presentou unha proposición de lei para que se regule e haxa ‘luz e taquígrafos’ nas actividades destes grupos de presión no que ten a ver nas súas relacións co goberno galego. O deputado Díaz Villoslada defendeu a proposta para aclarar se a Xunta se limita a xestionar as contas ou está xestionando as contas que lle interesan aos grupos de presión”.

 

Catalunya, Nafarroa ou Valencia teñen regulado a actividade destes grupos, o que invalida o argumento dado polo PP galego en máis dunha ocasión de falla de competencia autonómica para lexislar sobre estas actividades

 

Portas xiratorias

 

Puxo como exemplo o parlamentar socialista o caso de Ence, “paradigmático de portas xiratorias e interaccións” entre unha empresa favorecida pola xestión do PP e nutrida de altos cargos dese partido entre os postos directivos. Advertiu tamén que hai actualmente “moitos despachos coñecidos fichando a responsábeis políticos”, e puxo como exemplo Cuatrecasas ou Garrigues, e sinalou en Galiza o caso da patronal do xogo Cejuego e os seus contactos cos responsaábeis políticos de cara á nova Lei do Xogo.

 

Territorios como Catalunya, Nafarroa, Aragón, Castela A Mancha ou Valencia teñen regulado a actividade destes grupos, o que invalida o argumento dado polo PP galego en máis dunha ocasión de falla de competencia autonómica para lexislar sobre estas actividades.

 

As propostas

 

A proposición pedía incorporar á normativa galega “a regulación do que a doutrina denomina habitualmente pegada normativa, e que fai referencia á publicidade dos contactos que a administración pública manteña cos grupos de interese” durante a elaboración das normas. Estes deberán reflectirse, dixo, “nun informe que se publicará no Portal de Transparencia da Xunta, co obxectivo de asegurar que a influencia sexa transparente e non desproporcionada”.

 

O texto que presentou o parlamentar socialista establece ademais un Rexistro de grupos de interese público e gratuíto, así como das súas actividades diante da Xunta, ou a coordinación e control do relacionado con eles por parte do Valedor do Pobo.

 

Cómpre lembrar que en marzo de 2016 a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) aprobou crear un rexistro oficial de lobbies. Este rexistro de carácter voluntario, público e gratuíto quería ser un primeiro paso para lexislar o exercicio profesional dos grupos de interese e de presión, regulados desde hai tempo nos Estados unidos e na unión Europea mais que no Estado español estaba a ermo. No oficialmente denominado Rexistro de Transparencia que impulsou a CNMV figuran ao pouco de se crear inscritas cinco entidades galegas: a patronal inmobiliaria, empresas de comunicación e profesionais independentes. Non estaban, desde logo, todas as que son.